O programa Previr traballa coa mocidade de 16 a 25 anos que ten algún problema de saúde mental, e coas súas familias e persoas de referencia.
Os primeiros episodios dun problema de saúde mental adoitan aparecer na adolescencia ou primeiros anos da etapa adulta. Tendo en conta esta realidade, as asociacións A Creba, Alume, APEM, Avelaíña e Doa; desenvolven o programa “Previr”.
O obxectivo desta iniciativa é previr, identificar e tratar os problemas de saúde mental de xeito áxil, temperá e integral. Desta forma pretendemos acadar a maior cobertura posible das necesidades da persoa e facilitar unha mellor evolución e prognóstico na súa recuperación.
Este programa, que realizan conxuntamente con Saúde Mental FEAFES Galicia, é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
Atención adaptada á mocidade
A través desta iniciativa, atendemos a 25 mozos e mozas e as súas familias e persoas de referencia desde o momento de aparición da primeira crise. No programa ofrecemos información, orientación e asesoramento e elaboramos un plan individual de atención adaptado a cada persoa.
O noso obxectivo é reducir e minimizar os síntomas que poidan xurdir desta primeira crise, facilitar a recuperación da persoa e reducir o risco de recaídas. Ademais, procuramos dotar ás mozas e mozos e as súas persoas de referencia de ferramentas que poidan servirlles de axuda para a xestión da enfermidade. Tamén buscamos fortalecer a súa rede de apoio e facilitar o contacto cos servizos, recursos e dispositivos especializados en saúde mental da súa contorna.
Por outra banda, nas sesións que realizamos coa persoa, ofrecemos apoio psicolóxico tanto individual como grupal e facemos psicoeducación. Nestas sesións a persoa aprende a coñecer a súa propia patoloxía, desenvolve ferramentas e mellora as dinámicas familiares e o autocoidado. Todo isto destinado a mellorar a súa calidade de vida e a que a súa evolución sexa o máis favorable posible.
—
O programa “Previr” é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.



