Skip to main content
A Consellería de Sanidade ven de conceder a Saúde Mental FEAFES Galicia unha subvención para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións, orientados a minimizar o impacto que está a ter a pandemia da COVID-19 na saúde mental da poboación galega.
A estes efectos, a subvención cubre, por unha banda, proxectos de investimento en melloras en centros cuxa actividade principal é o desenvolvemento de programas asistenciais, psicosociais ou preventivos en materia de trastornos aditivos e trastornos mentais.
Nesta liña, que conta cunha dotación de 73.874,42 €, financiaranse propostas de mellora nas instalacións e equipamentos das asociacións APEM, A Creba, Avelaíña, DOA, Lenda, A Mariña e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.
Por outra banda, a subvención tamén contempla o financiamento de programas sociosanitarios de detección e intervención comunitaria de persoas en risco de presentar un trastorno mental, incluídos os trastornos aditivos. Dentro desta liña, Saúde Mental FEAFES Galicia levará a cabo o proxecto “Próxima e emociona”, o cal pretende achegar apoios e servizos da contorna próxima ás persoas usuarias e axudar a manter o vínculo entre elas e o seu medio, especialmente necesario nun contexto como o que nos atopamos provocado pola COVID-19.
O proxecto “Próxima e emociona”, que conta cunha dotación de 120.531,44 €, será desenvolvido por oito asociacións das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra, nomeadamente Alba, A Mariña, Fonte da Virxe, Alume, Andaina, Lenda, Avelaíña e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.