Skip to main content

O proxecto VOZ é unha iniciativa da Confederación FEAFES e Amafe co apoio de Otsuka Lundbeck que pretende recoller, en primeira persoa e de xeito directo, a opinión e preocupacións das persoas con esquizofrenia e os seus familiares. 

Isto realizarase a través duns buzóns físicos que se instalarán nas entidades FEAFES e noutros recursos sanitarios e sociais, onde haberá unhas tarxetas cun cuestionario que tan só hai que cubrir de forma anónima e depositar no buzón. O buzón físico será completado cunha enquisa online para aqueles usuarios e familiares que prefiran empregar esta vía.

FEAFES Galicia únese a esta iniciativa instalando un buzón en cada unha das súas delegacións (Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo) e difundindo as tarxetas coas preguntas entre todas as asociacións da Federación. Ademais, comprométese a dinamizar a participación no buzón online ó que se pode acceder a través de este enlace

O obxectivo desta iniciativa é coñecer a opinión das persoas con enfermidade mental, coidadores e familiares en relación á dimensión holística da esquizofrenia. A continuación, darase a coñecer a todos os implicados na abordaxe da esquizofrenia aquilo que lles preocupa ós pacientes, ós seus familiares e ós seus coidadores. Con este proxecto preténdese tamén elevar a esquizofrenia á axenda política sanitaria española, igualando a súa inversión á de outras enfermidades.

As persoas con esquizofrenia, familiares e coidadores que queiran aportar a súa opinión neste proxecto, poderán facelo ata o 31 de decembro, data na que serán retirados os buzóns físicos e pechado o buzón online. Unha vez finalizado o proxecto, recolleranse todas as voces nun documento coa fin de coñecer a opinión das persoas implicadas e á súa vez, difundir as súas preocupacións.

proxecto voz 2.jpg