Novas

‘Puiden demostrar na empresa que son unha persoa capaz de desempeñar as funcións do posto’

By 16 Xaneiro, 2013Novembro 13th, 2022No Comments

toysrus.jpg

“Grazas a esta oportunidade, puiden demostrar na empresa que son unha persoa capaz de desempeñar as funcións do posto e fixéronme un contrato”. Estas son as palabras de Diego Márquez Barral, un usuario do Servizo de Orientación de Emprego de Feafes Galicia, que a través do proxecto Xuntos Somos Capaces da Fundación Mapfre realizou prácticas na tenda de ToysRUs da Coruña. Grazas a esta oportunidade, fixéronlle un contrato laboral durante a campaña de Nadal.

No devandito establecemento, Diego Márquez encargábase de descargar a mercadoría dos camións, de organizar o almacén, de repoñer produtos en tenda, de manexar a máquina empacadora de cartón e de atención puntual aos clientes.

Segundo el, este posto de traballo achegoulle “autonomía” e “poder ter a oportunidade de traballar despois dun longo período sen facelo e engadir unha experiencia actualizada no meu curriculum para estar mellor posicionado na seguinte busca de emprego”.

Ademais, destaca que “a xente nesta empresa é moi acolledora polo que non tiven problemas para integrarme. Así mesmo, considera que o proxecto Xuntos Somos Capaces é un “programa moi positivo porque tes unha experiencia formativa nun ámbito laboral ordinario e podes aprender cousas novas e útiles”.

Pola súa banda, a responsable de inserción de ToysRUs, Ana María Blanco, afirma que é “política de empresa” inserir persoas con discapacidade nos seus establecementos e destaca que no caso de Diego Márquez, “a integración foi boa e con grande aceptación por ambas as dúas partes e co resto do equipo de empresa”.

Sobre a súa experiencia co proxecto Xuntos Somos Capaces, sinala que “é unha boa forma de facer unha preparación previa e formación anterior para que cando empecen a traballar xa teñan as nocións fundamentais para poder desenvolver o seu traballo de forma factible. Ademais, tamén é unha forma de familiarizarnos previamente coas “particularidades” de cada traballador”.

Share