Skip to main content
A través da colaboración mantida entre a asociación AFAES Porta Nova e a Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC (OCV-UDC), seis alumnos e dúas profesoras da Facultade de Deseño Industrial do campus de Esteiro-Ferrol acudiron a AFAES para impartir un taller de reciclaxe de plásticos.
Durante esta xornada, na que participaron 36 usuarios e usuarias, os alumnos de Deseño Industrial ensináronlles as utilidades e posibilidades dos polímeros (plásticos) para implicalos despois nun taller de reciclaxe.
Neste obradoiro realizaron produtos tan diversos como portamóbiles con botes de xel, lámpadas feitas con bolsas, baleirapetos reutilizando botellas, pendentes con botes de plástico ou lapiceros elaborados a partir de tapóns.
A actividade resultou de gran interese, non só polo contido da mesma senón pola posibilidade de compartir coñecementos e experiencias entre os usuarios da entidade e os estudantes universitarios.