A Rede de Técnicos de Inserción Laboral de Lugo, Rede TIL Lugo, é un foro de encontro, discusión e traballo no que participan unha decena de entidades lucenses que prestan servizos a persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión social.
O seu obxectivo é profundar no coñecemento mutuo de estratexias, modelos e formas de actuación que permitan mellorar o labor das devanditas entidades e conseguir un maior grao de eficacia. Deste xeito, realízase un intercambio de experiencias e apoio no traballo dos diferentes profesionais especializados na orientación, asesoramento e intermediación laboral.
ASFEM-AFAMMER, Cáritas Diocesana de Lugo, COGAMI, Cruz Vermella, Down Lugo, FADEMGA, FAXPG, FEAFES Galicia, Fundación Secretariado Xitano, Igaxes e a Universidade de Santiago de Compostela a través da área de Orientación e Inserción Laboral do Campus de Lugo, son as entidades que conforman esta rede, as cales levan anos xuntando os seus esforzos para mellorar o seu achegamento ás empresas.
Esta semana, os técnicos da Rede TIL Lugo mantiveron unha reunión nos locais de FEAFES Lugo para definir e deseñar un proxecto audiovisual que de visibilidade á Rede ante os empresarios da cidade. Dito vídeo realizarase en colaboración coa Fundación TIC, que será a encargada de materializar a peza.
O obxectivo do vídeo, que vai dirixido ao sector empresarial, é dar a coñecer a Rede TIL Lugo e as entidades que a conforman, mostrando o traballo que realizan a través dos itinerarios personalizados de inserción. Pretende tamén facilitar espazos de encontro e colaboración entre as entidades sociais e o mundo empresarial, co fin de afianzar lazos e valorar posibilidades de colaboración.