Grazas ao apoio da Xunta de Galicia atendemos a 52 mulleres cun problema de saúde mental en toda a comunidade.
Saúde Mental FEAFES Galicia pecha un novo ano do programa de “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental”. Esta iniciativa realizouse grazas á colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade desde setembro de 2025 ata agosto de 2026.
O programa de “Atención Integral a Mulleres” busca fomentar a igualade de oportunidades e paliar as desvantaxes coas que se podan atopar as mulleres cun problema de saúde mental en situación de vulnerabilidade. Grazas a este proxecto, prestamos atención e apoio a 52 mulleres en toda Galicia. Ofrecémoslles ferramentas e apoios que favorecen a súa autonomía, independencia e mellora persoal, social e laboral.
Traballamos pola igualdade e contra a discriminación
O programa de “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental”, que se desenvolve desde o 2010, ten como finalidade promover a igualdade de oportunidades e contribuír a reducir a tripla discriminación que experimentan as mulleres con problemas de saúde mental: pola súa situación de vulnerabilidade, pola súa condición de saúde mental e polo feito de ser mulleres.
O obxectivo principal é mellorar a calidade de vida destas mulleres a través dunha atención integral que responde ás distintas necesidades das participantes. Para favorecer a súa autonomía e adaptar os apoios á cada persoa, consensuamos unha atención individualizada con cada participante e facilitamos o acceso aos recursos máis axeitados traballando en coordinación cos diferentes profesionais e servizos implicados no seu proceso.
Orientamos e informamos para mellorar a autonomía e a calidade de vida
Entre os apoios que ofrecemos no programa de “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental” están a orientación e información sobre recursos sociais, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, apoio e orientación laboral, acompañamento na busca de emprego, intermediación e titorización profesional.
Ademais, formamos e sensibilizamos ás mulleres participantes en distintas materias a través de obradoiros e accións formativas. Entre os temas abordados están o empoderamento, a autoestima, os autocoidados, a xestión emocional, ou as habilidades sociais.
Tamén realizamos accións específicas sobre competencias dixitais e trámites online. O obxectivo destas actividades é romper coa fenda dixital e a desigualdade. Tamén que as participantes puidesen realizar de forma autónoma, segura e eficiente diversas xestións administrativas a través de internet.
Do mesmo xeito, traballamos a educación afectivo-sexual e a prevención da violencia. Neste ámbito abordáronse cuestións como os estereotipos de xénero, os mitos do amor romántico, a diversidade, o autocoñecemento, os autocoidados e a sexualidade consciente. Ademais, realizamos formacións específicas sobre violencia sexual e prevención dos malos tratos. Buscamos proporcionarlles ás participantes ferramentas para identificar situacións de violencia e coñecer diferentes estratexias de actuación.
Traballamos en rede para unha atención integral
Para desenvolver todas estas actividades, traballamos con diferentes entidades e profesionais. Deste xeito, agradecemos a colaboración de Fundación Mujeres, Acadar, PERSEO e o Centro de Crise 24 horas, así como aos recursos municipais e comunitarios. Incorporamos así unha perspectiva integral, entendendo que a recuperación e a mellora da calidade de vida das mulleres con problemas de saúde mental require abordar diferentes dimensións da súa realidade e facilitar todos os apoios necesarios.
Co programa “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental” reafirmamos o noso compromiso de seguir traballando para que ser muller, con enfermidade mental e en situación de vulnerabilidade; non corte as posibilidades de futuro destas mulleres.
Coa colaboración de:

