Saúde Mental FEAFES Galicia conta co seu I Plan de Igualdade para reforzar e garantir o compromiso coa defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
En Saúde Mental FEAFES Galicia, mantemos un firme compromiso coa igualdade de xénero, sendo este un dos fins dos estatutos da federación e estando presente en cada un dos ámbitos da entidade. Este ano, tomamos a iniciativa de engadir valor á nosa organización en materia de responsabilidade social.
Para iso, o pasado 5 de xuño rexistrábase o I Plan de Igualdade de Saúde Mental FEAFES Galicia. Este documento pon por escrito o noso compromiso na defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, partindo da participación activa e equilibrada nos diferentes departamentos da Federación e evitando o acoso laboral, sexual ou por razóns de sexo.
Este plan é resultado dun diagnóstico participativo que analiza a entidade desde unha perspectiva de xénero. Este análise permítenos, por un lado, identificar as necesidades, debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades en materia de igualdade; e, por outro, establecer as prioridades e obxectivos estratéxicos. Este I Plan de Igualdade aplícase a todas as persoas de Saúde Mental FEAFES Galicia en todas as delegacións e centros de traballo durante un período de 4 anos.
Accións que forman parte do I Plan de Igualdade
Acceso ao emprego, selección e contratación
- Compromiso coa igualdade de oportunidades nos procesos de selección.
- Formar en igualdade de oportunidades ás persoas responsables de avaliar as candidaturas de emprego.
- Garantir a equiparación de sexos nos diferentes departamentos.
Promoción laboral e retribucións
- Informar das vacantes laborais ao persoal da entidade para fomentar a promoción interna e o desenvolvemento profesional.
- Garantir a continuidade da equiparación salarial entre mulleres e homes.
Comunicación e sensibilización
- Crear canles de comunicación permanentes e periódicas sobre a integración da igualdade de oportunidades na entidade.
- Utilizar a linguaxe non sexista na comunicación interna e externa e elaborar un protocolo ao respecto.
Formación
- Formar ao persoal e ao equipo directivo en materia de igualdade de oportunidades.
- Usar métodos e materiais de formación que non presenten estereotipos de xénero.
Corresponsabilidade
- Promover e difundir as medidas de conciliación e corresponsabilidade existente entre o persoal laboral e a entidade.
- Garantir que as persoas en suspensión de contrato ou excedencia por maternidade ou coidado de familiares acceden á información sobre cursos de formación.
- Estudar as necesidades do cadro de persoal que permitan propoñer novas medidas de corresponsabilidade e conciliación.
Violencia de xénero e prevención do acoso
- Crear un protocolo de prevención da violencia sexual.
- Elaborar un procedemento de actuación en casos de violencia de xénero.
- Promover condicións de traballo que eviten o acoso sexual ou acoso por razóns de sexo.
- Formar ao personal en prevención do acoso sexual por razóns de sexo.
Saúde laboral
- Garantir medidas para mellorar e protexer a saúde, seguridade e benestar do persoal.
- Incorporar a perspectiva de xénero nos recoñecementos médicos.