7 persoas cun problema de saúde mental participarán no programa Reinicia, financiado pola Confederación Salud Mental España
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia seguimos traballando pola inclusión laboral das persoas con problemas de saúde mental. O emprego é un piar fundamental na vida de calquera persoa, pero para as nosas usuarias e usuarios, ademais ten un valor terapéutico xa que favorece a integración e a vida na comunidade e permite cambiar o rol de “persoa enferma” polo de persoa traballadora.
Por iso, desde o xaneiro ata marzo do 2025 poremos en marcha o programa Reinicia, financiado pola Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, dentro da 3ª Convocatoria 2024/2025 da Estratexia da Empregabilidade para o Desenvolvemento de Competencias laborais, sensibilización e apoio en materia de emprego para as persoas con problemas de saúde mental e/ou discapacidade psicosocial.
Os nosos obxectivos
7 persoas, 4 mulleres e 3 homes, formarán parte este ano do Reinicia. O obxectivo é fomentar a capacitación e o apoderamento destas persoas para lograr a súa inclusión laboral.
As persoas participantes son usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia coas que xa se estaba marcando un itinerario laboral. Estas persoas están en busca activa de emprego, teñen pouca ou nula experiencia laboral e precisan adquirir e mellorar as súas habilidades laborais.
O programa Reinicia consta de 54 horas de formación nas que se combinan aspectos teóricos e aprendizaxe práctico. Divídese en 6 módulos formativos que abordan aspectos clave para o desenvolvemento laboral e persoal como son as habilidades prelaborais básicas, o obxectivo profesional e a busca de emprego, as habilidades sociais e autocoñecemento, coñecer ferramentas de busca de emprego, alfabetización dixital, e coñecer os dereitos sociais e humanos, os obxectivos de desenvolvemento sostible e a perspectiva de xénero e igualdade.
Reinicia conta tamén cunha parte práctica e asesoramento personalizado na que se simularán entrevistas laborais, practicarán a creación de CVs, mellorarán as súas habilidades sociais e comunicativas en dinámicas de grupo e recibirán orientación individualizada sobre o seu desenvolvemento profesional.
Traballamos pola inclusión
O acceso ó emprego é un obxectivo con enormes dificultades para as persoas con problemas de saúde mental. O desemprego e a marxinación do mundo laboral son unha das maiores desvantaxes sociais que sofre este grupo de persoas.
Co programa Reincia podemos seguir traballando para eliminar as barreiras e prexuízos existentes. As persoas con problemas de saúde mental están capacitadas para traballar e levar unha vida normalizada se lles dan oportunidades.
Coa colaboración de: