Skip to main content
No marco das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro para a contratación de traballadores desempregados para a realización de servizos de interese xeral e social, que contan co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o cofinanciamento dos servizos públicos de emprego, Saúde Mental FEAFES Galicia incorporou durante o último ano a tres traballadoras nas delegacións de A Coruña, Ourense e Vigo.
A educadora social Beatriz López, a psicóloga Raquel Pérez e a integradora social Sandra Carrazoni, estiveron en Saúde Mental FEAFES Galicia dende o 5 de decembro de 2018 ata o 4 de decembro de 2019. Todas elas realizaron o seu traballo no marco do Servizo de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental e as súas Familias
A través deste servizo, trátase de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con problemas de saúde mental e os seus achegados, atendendo as súas necesidades e demandas específicas, tanto individuais como grupais, e facilitando o apoio e acompañamento sociolaboral preciso para unha axeitada inclusión na comunidade.
Entre as funcións que desempeñaron as compañeiras do programa de Cooperación, destacan a información e asesoramento ás persoas e familiares que o solicitaron, o apoio psicolóxico ou a posta en marcha de accións de formación e de sensibilización. Ademais, tamén prestaron apoio no servizo de emprego e nas actividades de ocio e tempo libre, do mesmo xeito que realizaron tarefas de xestión documental e arquivo en bases de datos. 
Todo isto permitiu a Beatriz, Raquel e Sandra mellorar as súas competencias na atención ás persoas con problemas de saúde mental, así como crecer a nivel persoal e profesional. Por outra banda, dende Saúde Mental FEAFES Galicia puidemos potenciar e mellorar os nosos servizos de atención á saúde mental nas delegacións nas que interviñeron estas compañeiras. Moitas grazas polas vosas achegas!