O programa “Dixitalízate para o emprego”, que realizamos en Santiago grazas ao apoio da Confederación SALUD MENTAL España, rematou este mes.
7 persoas cun problema de saúde mental, participaron no programa “Dixitalízate para o Emprego: Desenvolvemento das habilidades dixitais para a inclusión laboral”.
Esta iniciativa estivo financiada pola Confederación SALUD MENTAL España dentro da 4ª Convocatoria 2025/2026 da Estratexia da Empregabilidade para a mellora e desenvolvemento de actividades dixitais para o aumento da empregabilidade e a redución da fenda dixital para as persoas cun problema de saúde mental e/ou discapacidade psicosocial.
Un impulso para o acceso ao emprego
O programa “Dixitalízate para o emprego” busca mellorar as habilidades par o manexo e uso das ferramentas dixitais no ámbito laboral das persoas con problemas de saúde mental. Algo especialmente necesario para a adquisición dun emprego actualmente. Desde xaneiro e ata marzo, sete persoas usuarias da nosa entidade que están en busca activa de emprego, con pouca ou nula experiencia laboral e que teñen dificultades para buscar un emprego ou para afrontar unha entrevista de traballo; participaron neste programa.
Esta iniciativa estivo especialmente dirixida a aquelas persoas usuarias que mostren maiores dificultades para integrarse na comunidade e levar unha vida autónoma. Tamén se priorizou a inclusión de mulleres vítimas de violencias de xénero con cargas familiares, persoas inmigrantes e persoas con dificultades especiais.
As formacións do programa “Dixitalízate para o emprego” foron presenciais e combinaron teoría e práctica para garantir unha aprendizaxe dinámica e útil. Tamén se facilitaron recursos de conciliación e se outorgaron becas para cubrir os gastos de desprazamento daquelas persoas que o precisaron, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible relacionados cunha educación inclusiva e accesible.
84h de formación para o emprego
O programa formativo de “Dixitalízate para o Emprego” dividiuse en 10 módulos que abordaban aspectos clave do desenvolvemento laboral e persoal. O obxectivo foi o de mellorar as habilidades e competencias dixitais das persoas con problemas de saúde mental en idade laboral. Así favorecemos a súa inserción no mercado laboral, potenciamos a súa autonomía e promovemos a súa integración social para así garantir o seu benestar e a igualdade de oportunidades.
Os módulos dividíronse en:
- Habilidades dixitais para a adquisición e edición de CV e cartas de presentación empregando aplicacións especializadas.
- Busca de empresas para envío de CV no ámbito dixital.
- Busca de información en buscadores de emprego online.
- Competencias dixitais para o uso de plataformas de videochamadas, creación de tarefas, certificado dixital e trámites online.
- Ciberseguridade.
- Dereitos sociais e humanos, ODS, perspectiva de xénero e igualdade.
O programa incluíu tamén unha parte práctica e asesoramento personalizado que permitíu ás persoas participantes realizar simulacións de entrevistas laborais, practicar a creación de CVs personalizados, mellorar as habilidades sociais e comunicativas a través de dinámicas de grupo e recibir orientación individualizada sobre o seu desenvolvemento profesional.
A docente do curso sinalou que o programa foi un éxito. O grupo foi participativo e colaborador e logrouse construír un espazo seguro de aprendizaxe para todas as persoas participantes.
Con programas como “Dixitalízate para o emprego”, a nosa entidade continúa traballando para garantir a inclusión social e laboral das persoas cun problema de saúde mental, proporcionando oportunidades que favorezan a súa integración, autonomía e benestar.
Coa colaboración da:

O proxecto “Dixitalízate para o emprego: desenvolvemento de habilidades dixitais para a inclusión laboral”, foi financiado pola Confederación SAÚDE MENTAL España dentro da 4ª Convocatoria 2025/2026 da Estratexia da Empregabilidade para o Desenvolvemento de Competencias laborais, sensibilización social e apoio e materia de emprego para as persoas con problemas de saúde metnal e/ou discapacidade psicosocial.

