Un ano máis, facemos balance do Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia, o cal vai dirixido a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral de persoas en situación de desemprego. Financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través deste proxecto favorecemos cada ano a empregabilidade dun total de 100 persoas con problemas de saúde mental.
Para iso, entre novembro de 2020 e novembro de 2021, puxéronse en marcha distintos itinerarios personalizados de inserción adaptados a cada persoa participante. Estes incluíron accións tanto individualizadas como grupais que facilitaron a adquisición de hábitos e habilidades orientadas á inserción laboral.
Este ano, ademais, desenvolveuse na Coruña o certificado de profesionalidade “COMT0211 – Actividades auxiliares de comercio” do que se beneficiaron 15 persoas. O programa tamén financiou medidas de conciliación para facilitar o acceso ao emprego, a obtención de carnés profesionais, accións formativas ou medidas de apoio.
Os resultados deste ano foron inmellorables. O 70% das persoas participantes lograron un contrato laboral, sendo o 49% destes contratos de máis de 3 meses de duración. Deste xeito, superouse amplamente o obxectivo marcado no programa, que era do 36%.
Programas específicos coma este permiten aumentar en gran medida as opcións de inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental, colectivo que conta cunha taxa de ocupación extremadamente baixa, de arredor dun 15%. O apoio continuo da Xunta de Galicia para o desenvolvemento destes programas resulta fundamental para mellorar os resultados do noso traballo.