Máis de 50 mulleres en situación de vulnerabilidade e cun problema de saúde mental participaron o pasado ano no proxecto Tempo de Lecer en Igualdade.
O ano pasado puxemos en marcha Tempo de Lecer en Igualdade, unha iniciativa que naceu para mellorar a saúde mental e física das mulleres en situación de vulnerabilidade con problemas de saúde mental. Para iso, impulsábamos actividades de ocio, exercicio físico e socialización.
Este programa, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, levouse a cabo en colaboración con diversas entidades sociais. Foi unha aposta pola inclusión, a autonomía e o apoderamento das mulleres beneficiarias, favorecendo a súa participación activa na comunidade e mellorando a súa calidade de vida.
Lecer para a inclusión e a autonomía
Tempo de lecer en igualdade tivo un impacto moi positivo para todas as participantes. Entre as actividades que se desenvolveron, as relacionadas co exercicio físico foron un dos piares na mellora da saúde integral das usuarias. Realizamos senderismo, deportes acuáticos, tenis de mesa e terapia canina.
Por outra banda, un dos principais logros do proxecto foi a inclusión social das mulleres beneficiarias do programa. A través da participación en actividades comunitarias e culturais, superaron as barreiras sociais e emocionais vinculadas á súa saúde mental.
Tamén formamos grupos autoxestionados, o que lles permitiu tomar un papel activo na organización e desenvolvemento das actividades. Isto favoreceu a súa autonomía e mellorou as súas habilidades á hora de tomar decisións e xestionar a súa vida diaria. Como resultado destes grupos, máis do 70% das actividades organizáronse sen apoio profesional, o que destaca un gran crecemento na autonomía das participantes.
Outro dos aspectos destacados en Tempo de Lecer e Igualdade foron as actividades vacacionais, como o Camiño de Santiago e as estancias en casas rurais. Estas experiencias non só proporcionaron unha desconexión da rutina diaria e permitiron tamén ás familias gozar de tempo de descanso, o que favorece o equilibrio e benestar familiar.
Un éxito compartido
O éxito de Tempo de Lecer en Igualdade foi posible grazas á colaboración entre as mulleres participantes, as súas familias e persoas de apoio, as persoas profesionais implicadas e as entidades que apoiaron esta iniciativa.
Con proxectos coma este, demostramos que o deporte e as actividades de ocio e culturais benefician á saúde tanto física como mental. E que contribúen significativamente na construción e fortalecemento da autoestima e autonomía das mulleres en situación vulnerable con problemas de saúde mental.
Participar en Tempo de Lecer e Igualdade mellorou a súa calidade de vida e deulles as ferramentas necesarias para favorecer a súa integración na sociedade, deixando un impacto positivo e duradeiro tanto nas participantes como nas súas familias e persoas de referencia.
Coa colaboración da: