Skip to main content
A delegación viguesa de Saúde Mental FEAFES Galicia ven de rematar, un ano máis, unha nova edición do Proxecto Practicum de formación laboral para persoas con problemas de saúde mental. O tradicional acto de clausura queda aprazado a causa das restricións e recomendacións ditadas no marco da actual situación provocada pola COVID-19.
A través do Proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, foméntase a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con problemas de saúde mental. Grazas a este programa, estas persoas poden mellorar as súas competencias laborais, afacerse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. 
O tempo destinado á realización e execución do proxecto foi de 12 meses, comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020. Neste tempo realizáronse accións de identificación de sectores de actividade, entrevistas con empresas, accións de sensibilización, difusión do proxecto e firmas de convenios de colaboración con empresas. Ademais, traballouse coas persoas usuarias na preselección e avaliación de posibles candidatos e candidatas, na planificación das actividades e no apoio á súa contratación.
No Proxecto Practicum 2020 participaron un total de 12 persoas usuarias, das cales 4 lograron un contrato de traballo ao finalizar as súas prácticas. No marco das accións comprendidas neste programa, tamén cabe destacar a sinatura de 4 novos convenios de colaboración con empresas.