O Proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con problemas de saúde mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, afacerse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto.
O pasado 14 de decembro celebrouse o acto de clausura deste programa no salón de actos da Deputación de Pontevedra en Vigo. Acudiron Don Santos Héctor, Deputado de Cooperación da Deputación de Pontevedra; Carina Fernández, coordinadora de Servizos e Programas de Saúde Mental FEAFES Galicia; e Manuel Juncal, referente da delegación de Vigo de Saúde Mental FEAFES Galicia. Estiveron acompañados por representantes das empresas que colaboraron no programa, así como as persoas que se beneficiaron do mesmo.
Durante o acto, interviñeron as responsables de Arenal Perfumerías e CLECE, que explicaron como se desenvolveu o proceso de acollida e de formación das persoas que realizaron prácticas nas súas empresas. Falaron tamén do posterior proceso de inserción laboral, que contempla accións de seguimento por parte da entidade tanto ás persoas participantes como ás que as titorizaron nas empresas.
Pola súa banda, tres participantes no proxecto, Susana, Diana e Margarita, contaron a súa experiencia como beneficiarias das prácticas non laborais e dos posteriores contratos de traballo acadados. Este ano, a pesar das limitacións ocasionadas pola COVID-19, un total de 12 persoas usuarias realizaron prácticas ao abeiro deste proxecto, logrando unha inserción laboral posterior do 41% das persoas participantes.
