Un total de 12 persoas mozas con problemas de saúde mental realizaron prácticas non laborais en empresas de toda Galicia para adquirir habilidades e experiencia laboral nos propios postos de traballo.

O pasado mes de maio iniciamos as estadías formativas en empresas no marco do noso programa Fórmate na Empresa. Este proxecto permite reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais de persoas mozas de entre 19 e 29 anos inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, que non estaban ocupadas nin integradas no sistema de educación ou de formación.

Tras recibir 20 candidaturas, seleccionamos a 12 persoas mozas de toda Galicia que reunían os requisitos do programa, das cales máis do 50% tiñan certificado de discapacidade.

As estadías formativas, dunha duración de 300 horas ao longo de 3 meses consecutivos, contan cunha persoa titora na nosa entidade que traballa en coordinación coa titora ou titor de referencia en cada empresa de acollida, a fin de ofrecer o apoio necesario na adaptación ao posto e no mantemento do mesmo.

O persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia encargado da titorización tamén realiza sesións formativas en habilidades e competencias para o emprego. Ao longo do programa, as persoas participantes reciben un total de 25 horas de formación presencial e en liña.

De xeito transversal, deseñamos un itinerario personalizado de inserción para cada participante, que se trata dun plan individual e guiado co obxectivo de mellorar as capacidades de cada mozo ou moza e, polo tanto, reforzar a súa empregabilidade.

Dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos trasladar o noso agradecemento ás 11 entidades e empresas colaboradoras, grazas ás cales as persoas participantes puideron adquirir experiencia en postos de:

• Limpeza de estancias hospitalarias con Serveo Servicios (Lugo)
• Instalación de fibra óptica a domicilio con Reganet Networks SL (Lugo)
• Recepción de mercadoría e atención en tenda en Sprinter Megacentros (Vigo)
• Axudante de cociña en Freshcut (Gondomar)
• Administración e recepción en Asociación Andaina Pro Saúde Mental (Ordes)
• Apoio en paquetería, fabricación de produto e envasado en Andaina Pro Saúde Mental Emprego SLU (Dodro)
• Auxiliar de tenda, apoio técnico e instalacións informáticas en Ourentec (Ourense)
• Atención ao público en Eixo Librerías (Ourense)
• Auxiliar de cociña en Fundación Adcor (A Coruña)
• Atención ao cliente e apoio en tenda local con Insertega SL (A Coruña)
• Limpeza en centro residencial de persoas maiores con Integra CEE (A Coruña)

Para a asistencia ás estadías formativas en empresas, os mozos e mozas participantes percibiron unha bolsa cun importe de 690,67€ mensuais, con complemento de 100€ mensuais por desprazamento se a persoa residía nun concello diferente ao do centro de traballo, e 100€ mensuais máis se a persoa ten certificado de discapacidade igual ou superior ao 33%.

O programa Fórmate na Empresa está cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do Obxectivo político 4; Prioridade 5. Obxectivo específico ESO4.1 e Medida 5.A.05.: prácticas formativas en países europeos ou en Galicia.

Share