Skip to main content
Saúde Mental FEAFES Galicia e a Consellería de Sanidade veñen de renovar o seu convenio de colaboración, o cal permite continuar un ano máis co traballo que se ven desenvolvendo na entidade en relación á atención precoz dos problemas de saúde mental e á oferta dunha proposta de ocio e tempo libre saudable para o colectivo. 
Concretamente, asinouse a renovación do Programa de Atención Precoz a Familiares e Coidadores en Primeiros Episodios da Enfermidade Mental, a través do cal ofrécese unha serie de servizos gratuítos e universais de información e orientación coa fin de mellorar a calidade de vida do colectivo. 
Con este programa preténdese que as persoas con problemas de saúde mental aprendan a manexar a súa enfermidade para facilitar o máximo posible a súa vida cotiá. Neste senso, tamén se favorece a súa participación nos distintos programas e recursos que lles poden resultar de utilidade, tanto propios como da comunidade, no eido sanitario e no social. Ademais, implícase ás familias e persoas achegadas no proceso de recuperación, prestándolles apoio e acompañamento técnico e profesional.
Por outra banda, no Programa Coidamos de Ti: formación, información e apoio ás persoas con enfermidade mental e familiares, ofrécese de xeito regular ás persoas con problemas de saúde mental actividades de deporte, ocio activo e tempo libre que respondan ás súas expectativas e contribúan ao seu benestar físico, psicolóxico e social.
Estas actividades tamén teñen un compoñente de loita contra o estigma e a discriminación, xa que amosan á sociedade as capacidades das persoas con problemas de saúde mental e a súa posibilidade real de integración na sociedade. No marco deste programa tamén ofrécese información e orientación ás persoas participantes, ás súas familias, persoas achegadas ou profesionais que o soliciten. Do mesmo xeito, realízanse accións formativas para mellorar tanto a capacidade de intervención das persoas profesionais, voluntarias e coidadoras informais, como os seus coñecementos no eido da saúde mental.