Onte renovouse o convenio do programa PAIEM grazas ao cal traballamos na rehabilitación psicosocial das persoas con problemas de saúde mental privadas de liberdade.
Este mércores, 25 de setembro, o Ministerio de Interior a través da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, a Fundación Barrié, a Fundación Roviralta, a Fundación Érguete e Saúde Mental FEAFES Galicia, renovamos o convenio do programa PAIEM. Este programa consiste na atención integral a persoas con enfermidade mental nos centros penitenciarios de Galicia.
A presidenta da Fundación Barrié, Dª Pilar Romero Vázque-Gulías, deu comezo ao acto que tivo lugar na sede da Fundación Barrié na Coruña. Ao evento acudiron: D. Pedro Blanco, Delegado do Goberno de Galicia; María Rivas López, Subdelegada do Goberno en A Coruña; D. Ángel Luis Ortiz González, Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias; Dna. Carmen Arias, directora da Fundación Barrié; D. Rubén Cagiao Avedaño, presidente da Fundación Érguete-Integración; Dna. Sonia Fernández, vicepresidenta da Asociación Érguete; e D. Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia. Tamén asistiron os directores dos centros penitenciarios.
Durante a súa intervención, Xosé Ramón Girón agradeceu o apoio e a confianza da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, da Fundación Barrié e da Fundación Roviralta. E sinalou a necesidade deste convenio para poder seguir traballando nos centros penitenciarios de Galicia, como se ven facendo desde 2011.
Agradeceu tamén a labor das técnicas e técnicos de Saúde Mental FEAFES Galicia e das asociacións federadas Apem, Lenda e Alume. A súa intervención nos 5 centros penitenciarios de Galicia e nos CIS Carmen Avendaño de Vigo e Carmela Arias e Díaz de Rábago da Coruña, permiten atender cada ano a unhas 150 persoas con trastorno mental grave ou patoloxía dual.
Convenio para un tratamento digno da saúde mental
O Programa de Atención Integral ao Enfermo Mental en prisións (PAIEM) busca que as persoas internas con problemas de saúde mental coñezan e aprendan a manexar a súa patoloxía, evitando recaídas. Favorecemos, ademais, a participación nos programa e recursos do centro. Pretendemos que estas persoas teñan un tratamento digno para evitar o seu deterioro, a situación de exclusión social e a desatención coa que se atopan cando saen das institucións penitenciarias.
Os datos sinalan que 8 de cada 10 persoas nos centros penitenciarios teñen algún trastorno mental, sendo a patoloxía dual a máis frecuente. Isto demostra que unha intervención específica e especializada con estas persoas é fundamental.
A través do programa PAIEM realizamos diferentes obradoiros grupais, prestamos atención psicolóxica individualizada e traballamos coas familias.
Dentro das actividades grupais que realizamos atópanse obradoiros para manter e estimular as habilidades sociais, a memoria, a concentración e hábitos de vida saudables. Tamén levamos a cabo psicoterapia grupal e sesións de psicoeducación para que as persoas afonden no coñecemento da súa patoloxía.
Durante o tempo que levamos traballando en prisións, conseguimos que máis do 80% das persoas internas coñecesen e aprendesen a manexar a súa enfermidade. Durante o último convenio 2020-2023 o 71% das persoas atendidas cumpriron os obxectivos do seu plan individualizado de intervención e menos do 10% sufriron crises ou recaídas.

