Skip to main content

O martes 14 de xullo, a Obra Social “la Caixa” renovou o acordo de colaboración para desenvolver en programa Incorpora con cinco entidades sociais de Galicia dedicadas á integración laboral de persoas con especiais dificultades para encontrar traballo: Igaxes3, Fundación Érguete-Integración, APES, FEAFES Galicia e COGAMI. A estas engádese agora a Fundación Juansoñador. En total, oito entidades conforman o Grupo Incorpora Galicia, incluíndo a Cruz Vermella Lugo e Cruz Vermella Ourense, no marco dun acordo estatal.

Incorpora ten como principal obxectivo tender pontes entre as empresas e as entidades sociais que se dedican á integración laboral coa fin de crear un clima de colaboración entre ambas que redunde en oportunidades para os que máis o necesitan. Diríxese a colectivos en situación de vulnerabilidade, como persoas con discapacidade, mozos en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración e ex-reclusos, entre outros.

A entidade financeira destina 275.000 euros ao desenvolvemento de Incorpora Galicia este ano, fronte aos 235.000 do acordo anterior. Entre xaneiro e xuño deste ano, o programa facilitou 292 postos de traballo en Galicia, fronte aos 202 do mesmo período do ano anterior, o que supón un aumento do 44%. Isto foi posible grazas á colaboración de 175 empresas galegas, un 26% máis que no mesmo período do ano anterior.

Os insertores laborais, figuras clave

O insertor laboral é unha figura esencial no programa Incorpora. Del depende o éxito tanto da persoa contratada coma da empresa contratante. No caso de Galicia, creouse unha rede con 14 destes profesionais.

A inserción de cada persoa no mercado laboral constitúe un proceso personalizado que inclúe actuacións simultáneas e posteriores á contratación. Entre as tarefas que realiza o insertor inclúense a prospección de empresas, o seguimento do proceso de formación do beneficiario, o acompañamento laboral das persoas inseridas, a solución dos posibles conflitos que poidan xurdir no marco da relación laboral e o fomento da adhesión de novas empresas ao programa.