Skip to main content

A pasada semana, o PP retirou a regulación das medidas de seguridade para expresos que recollía o proxecto de lei de reforma do Código Penal mediante as cales prorrogábase indefinidamente o tempo de internamento de persoas con trastorno mental, atendendo a unha suposta perigosidade das mesmas ó finalizar a condena.

Esta decisión foi tomada tras ter en conta as opinións de expertos, colectivos e grupos parlamentarios que interviñeron nas distintas reunións celebradas ó longo dos últimos meses. Ante a imposibilidade de acordar un texto nunha materia de interese social, optouse por sacar da reforma a polémica figura das medidas de seguridade.

As medidas de seguridade posteriores ó cumprimento da condena formulaban prorrogar indefinidamente o tempo de internamento de persoas con trastorno mental nun centro psiquiátrico ou, incluso, nun centro penitenciario atendendo á súa suposta perigosidade.

FEAFES consideraba que estas medidas atentaban frontalmente contra os dereitos fundamentais das persoas con enfermidade mental, privándoas de liberdade pola mera suposición dun delito que puidese cometer no futuro debido ó seu diagnóstico, algo contrario ás normas de dereitos humanos. Así foi como se alzaron numerosas protestas por parte do movemento asociativo solicitando a eliminación ou modificación destas medidas, obxectivo que vemos acadado tras esta determinación.

A oposición, asociacións de pacientes e diversos axentes vinculados á saúde mental celebramos, polo tanto, que se teña renunciado a este apartado do texto. Esta decisión adoptouse durante a sexta e última reunión do relatorio do Código Penal, cuxo debate ante a Comisión de Xustiza está fixado para os próximos días 15 e 16 de xaneiro, coa intención de levar o texto ó pleno que se celebrará previsiblemente o día 22.

codigo penal retira medidas (2).jpg