O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá as instalacións da asociación lucense Alume onde mantivo un encontro de traballo cos responsables de FEAFES Galicia. Alí, o Conselleiro recordou o compromiso da Xunta coas persoas con discapacidade e mostrou a vontade do seu departamento de mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental.
No seu percorrido polas instalacións de Alume, tanto o Conselleiro como a Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, tiveron a oportunidade de conversar cos usuarios e de achegarse ao traballo que realiza unha asociación integrada en FEAFES Galicia.
Entre os programas que desenvolve a entidade local, caben destacar os Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, os pisos protexidos, o Programa Espertar de atención a persoas sen teito con enfermidades mentais, o Programa PAIEM en centros penitenciarios, a atención a domicilio ou o apoio a familiares.
Tras percorrer as instalación da asociación, Rey Varela e Coro Piñeiro mantiveron unha reunión cos representantes de FEAFES Galicia e de Alume para planificar o estudo de novos proxectos para os vindeiros anos. Entre os asuntos abordados, falouse do lugar que deberían ocupar as persoas con enfermidade mental nas políticas sociais, pois trátase da segunda causa de discapacidade en Galicia representando ao 21% do total de persoas con discapacidade.
No encontro falouse tamén da promoción da autonomía, a atención á dependencia, a exclusión e a emerxencia social, do mesmo xeito que se destacou o importante reto da coordinación socio-sanitaria na atención á saúde mental.
Rey Varela gabou o traballo de FEAFES Galicia e sinalou a importancia dos seus obxectivos, compartidos coa Consellería de Política Social, entre os que destacou “prestar unha atención personalizada, defender os dereitos das persoas con enfermidade mental, realizar labores de sensibilización, aumentar as posibilidades de inserción laboral e programar actividades de ocio”.