Skip to main content
O pasado venres 15 de decembro tivo lugar na sede da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA a entrega de premios do Concurso de Felicitacións de Nadal, organizado por esta entidade co patrocinio de Janssen no marco da iniciativa “Expresión artística pola integración” e que este ano cumpre a súa décimo quinta edición. 
Este acto serviu para demostrar como “o esforzo e a ilusión pódeno todo” e que as persoas con problemas de saúde mental “coa súa capacidade creadora poden derrubar todas as barreiras que se lles presenten”. Así comezou o seu discurso Nel Anxelu González Zapico, presidente de SALUD MENTAL ESPAÑA, que aseverou que esta iniciativa é para a entidade “unha ilusión que renovamos cada ano”. Por iso, González Zapico eloxiou o valor das gañadoras, xa que na súa opinión e citando ao pintor Henri Matisse, “a creatividade require coraxe”. 
De entre as máis de 250 candidaturas participantes, a proposta premiada por unanimidade foi a elaborada por María Rosa Martínez, da asociación murciana AFEMAR. Mentres que Ana Núñez, de AMAFE, e Mª Reyes Fragueiro, de FEAFES Galicia foron galardoadas cos Segundos Premios Extraordinarios.
 
María Rosa Martínez, gañadora desta edición, nun emotivo discurso lembrou aos asistentes que “todo o mundo pode ser feliz” a condición de que “teñan un espazo para facer aquilo que lles gusta”. Pola súa banda, Ana Núñez quixo agradecer tanto a SAÚDE MENTAL ESPAÑA “a oportunidade para poder expresarse mediante a pintura” como á súa asociación, AMAFE, “por todo o que me apoiaron”. Mª Reyes Fragueiro, da delegación de Vigo de FEAFES Galicia, asegurou que este tipo de concursos “son fundamentais para visibilizarnos”. “É un problema de saúde como calquera outro” remarcou. 
Esta cerimonia de entrega de premios reuniu ás gañadoras e representantes das súas asociacións, a membros da Xunta Directiva e persoal técnico da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, representantes de Janssen e persoas vinculadas co ámbito da saúde mental e a discapacidade. 
Podes ver o vídeo de presentación de Mº Reyes Fragueiro aquí