Skip to main content
A curtametraxe “Se vende. Maleficio en la casa” é o resultado dun obradoiro de vídeo participativo desenvolvido durante dous meses en DOA Saúde Mental, realizado no marco do Programa Más Social promovido pola Fundación Barrié. Os participantes do taller, persoas con problemas de saúde mental, adquiriron as ferramentas e coñecementos necesarios para contar as súas historias a través do audiovisual, executando todo o proceso dende a concepción da idea ata a rodaxe e a interpretación.
O resultado desta experiencia foi unha curtametraxe de terror rodada en Vigo que conta a historia dun fotógrafo dunha axencia inmobiliaria que ten a encarga de fotografar unha casa onde comezan a producirse sucesos estraños. Para a elaboración desta peza, os usuarios de DOA Saúde Mental exploraron a súa realidade, compartiron preocupacións e intereses e aprenderon a contar historias dende a súa perspectiva.
O pasado 9 de abril celebrouse a preestrea da curtametraxe nunha proxección realizada en Cangas dentro do ciclo de teatro afeccionado CITEAMOR, a cal recibiu unha calorosa e positiva acollida. Dende o pasado martes 16 de abril, a curtametraxe xa está dispoñible para todos os públicos na canle de Youtube de DOA Saúde Mental.  
Pola súa banda, o vindeiro martes 23 de abril subirase á Internet un making off que explica como se fixo a curtametraxe e cales foron as impresións e as experiencias das persoas participantes. 

Vídeo participativo: unha metodoloxía que promove a participación

O vídeo participativo é unha metodoloxía de traballo que pretende promover a participación social e o empoderamento de persoas en risco de exclusión. No taller realizado no marco do Programa Más Social, promovido pola Fundación Barrié e impartido pola axencia Gingko, os usuarios de DOA Saúde Mental mergulláronse na linguaxe audiovisual, aprenderon a construír un relato, a darlle forma de vídeo e a executar a súa propia peza. 
Durante todo este proceso, os participantes convertéronse en axentes activos de comunicación, elaborado de forma autónoma os seus propios contidos e creando para iso un grupo de traballo onde todos tiñan algunha función. Unha vez rematada a formación, os usuarios adquiriron unha serie de coñecementos e ferramentas que lles permitirán seguir aplicando esta metodoloxía nas actividades e dinámicas da asociación.