Saúde Mental FEAFES Galicia, coa colaboración do Concello de Santiago, traballa para mellorar as condicións de vida das persoas con problemas de saúde mental crónica e persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión.
As persoas sen fogar ou en situación de exclusión severa carecen, na gran maioría dos casos, de apoio familiar e dunha rede de apoio social. Se ademais teñen algún tipo de problema de saúde mental, a situación agrávase. Sofren problemas económicos, de saúde, relacionais… E teñen unha especial dificultade para acceder e conservar un emprego.
O Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión, financiado polo Concello de Santiago, acompaña a estas persoas e busca favorecer a súa integración e conexión cos recursos normalizados, poñendo en marcha as accións e servizos oportunos axustados as súas necesidades básicas (vivenda, atención, información, orientación, asesoramento, acceso a recursos normalizados de atención…).
No que vai de ano, atendemos a 64 persoas (un 67% de homes e un 33% de mulleres), cunha media de idade de 44 anos. A maioría destas persoas residen en vivendas inseguras ou non teñen vivenda; e moitas carecen de emprego e de ingresos mínimos.
No marco deste programa, Saúde Mental FEAFES Galicia conta con dúas vivendas de transición con cinco prazas. Por elas pasaron 8 persoas no que vai de ano.
Atención individualizada para acadar unha vida autónoma
O perfil das persoas que se atenden no Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión é moi variado. Cada unha delas ten as súas aptitudes e dificultades.
Por iso, faise unha avaliación inicial que permite derivar ás persoa ós diferentes servizos do proxecto en función das súas necesidades e elaborar plans de intervención adaptados a consecucións dos obxectivos persoais.
Respecto ó traballo que se realiza nos pisos de transición, comézase acompañando ás persoas usuarias a servizos sanitarios e á rede de servizos socias para que os coñezan e adquiran seguridade para achegarse a eles. Tamén se lles apoia nas xestións económicas e nos hábitos básicos: facer a compra, manter a hixiene, administración dos cartos dos que dispón…
O que se pretende, en definitiva, é que as persoas usuarias dos pisos de transición e deste programa en xeral, poidan alcanzar un nivel de autonomía que lles permita levar unha vida normalizada, dotadas de competencias e habilidades e que ademais entren en contacto cunha rede de recursos sanitarios e sociais que lle poidan ser de axuda.
O traballo en rede, un elemento fundamental
A complexidade dos casos e circunstancias nas que se atopan as persoas en situación de rúa esixen un traballo conxunto e constante de múltiples axentes que, ademais, deben dar unha resposta inmediata en moitas ocasións.
Desde o Programa de Atención a Persoas en Risco de Exclusión, mantense unha comunicación constante cos servizos sociais comunitarios e coordinámonos con outras entidades e servizos de atención a persoas sen fogar de Santiago de Compostela: (Cáritas, Cruz Vermella, IGAXES, Fonte da Virxe, UMAD, psiquiatras e traballadoras sociais de recursos específicos da zona, etc).
Este traballo coordinado é un piar fundamental para asegurar a efectividade nas intervención coas persoas sen fogar con problemas de saúde mental.