A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA puxo en marcha a web saludmentalods.org, na que se ofrece información acerca de todas as accións e proxectos que tanto a Confederación, como as entidades do movemento asociativo, desenvolven para achegarse á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
Este sitio deu os seus primeiros pasos como landing page, desde a que se retransmitiu, en novembro de 2020, a I Xornada “Saúde Mental e Benestar na Axenda 2030”, coorganizada, pola Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA e o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, que tamén financia esta web.
Mediante un sinxelo menú, as usuarias e usuarios da páxina web poden acceder a cada un dos 17 ODS, onde aparece unha relación das accións desenvolvidas en relación co obxectivo en cuestión e, naturalmente, coa saúde mental.
Cada acción presenta un breve resumo e un ou varias ligazóns, en función da información existente, que levan á descrición máis extensa da iniciativa e da súa evolución ao longo do tempo, se é que se repite de maneira periódica, como ocorre por exemplo coas iniciativas deseñadas con motivo de cada 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Desta maneira, as persoas que consulten a web non só poderán coñecer os proxectos en cada unha das áreas que abordan os ODS, senón tamén a súa traxectoria e a evolución ao longo do tempo. Igualmente, pódese visionar a Xornada “Saúde Mental e Benestar na Axenda 2030”, que tamén está aloxada na canle de Youtube da Confederación.
Nel González Zapico, presidente da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, asume que a transversalidade da saúde mental “obriga ao movemento asociativo en saúde mental, polo seu compromiso social, a non permanecer alleo ao espírito dos ODS e a responder a ese chamamento universal para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas en todo o mundo. É por iso polo que, no noso Plan Estratéxico 2019-2022, asumimos o compromiso de canalizar todas as nosas accións segundo os indicadores dos ODS”.
Accede á web saludmentalods.org