Skip to main content
Xerar un “mapa cartográfico dun territorio imaxinado” para, a partir de aí, representar unha das paisaxes dese territorio a través da pintura e abordar, tamén desde a arte, a idea de illa no seu sentido máis amplo. Este foi o punto de partida dos dous talleres que desenvolveu Ventura Pérez, alumno da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, cos usuarios da asociación de saúde mental Doa en Cangas.
Os resultados desas experiencias, 15 obras nas que estas persoas plasman esas “illas íntimas que todos levamos dentro”, como as definiu Santiago Hermelo, un dos participantes, reúnense en Illas, un libro que se presentou o pasado 9 de febreiro na Casa das Campás de Pontevedra.
“Para nós significou un reto, porque plasmar os nosos sentimentos nun lenzo sen experiencia previa non semellaba doado de primeiras”, salientou Hermelo na presentación desta publicación, na que tamén participaron a profesora e coordinadora do programa de voluntariado da facultade, Loreto Blanco, o presidente de Doa, Leopoldo Robla, e o técnico da asociación, Sócrates Pérez. 
No acto, Daniel Fernández e Miguel Ángel Gutiérrez, participantes nestes talleres, deron lectura aos textos cos que cada artista tratou de “explicar dun xeito poético aquilo do que falaban as súas imaxes”, como indicou Hermelo, quen definiu o libro como “unha proposta sincera pola nosa parte”.
O presidente de Doa, pola súa banda, definiu como un “fito importante” a presentación desta publicación, coa que a asociación pecha os actos do seu 30 aniversario, e incidiu en que iniciativas como esta contribúen “a abrirnos, a que nos coñezan”, a amosar que “as persoas que realizaron este traballo teñen unhas capacidades que son útiles para a sociedade”.