Skip to main content

Onte tivo lugar o acto de peche do primeiro ano de traballo do programa Senda pola Saúde Mental, que conta coa financiación de Fundación ”la Caixa” e grazas o cal podemos prestar apoio e acompañamento a 25 persoas con problemas de saúde mental e 35 familias nos concellos de Baixa Limia e Terras de Celanova.

O mércores 5 de xullo, a Fundación Curros Enríquez en Celanova acolleu o acto de peche do programa Senda pola Saúde Mental, un proxecto financiado por Fundación ”la Caixa” e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia que dá resposta ás necesidades de atención, apoio e acompañamento que teñen as persoas con problemas de saúde mental nas zonas rurais, concretamente nas comarcas de Baixa Limia e Terras de Celanova.

Durante a presentación do acto, Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia; remarcou a necesidade deste tipo de proxectos que supoñen un esforzo compartido entre institucións pero que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental na súa propia contorna.

Tamén participaron no acto Jaime Sousa, presidente da Mancomunidade de Celanova e alcalde de Cartelle; e a Concelleira de Igualdade de Celanova, Teresa Barge, reafirmaron o seu apoio ó proxecto e incidiron nos beneficios que Senda pola Saúde Mental supón para as persoas que residen nas zonas máis illadas de Galicia e que teñen algún problema de saúde mental.

A este acto de peche acudiu tamén, Susan Santos, xestora territorial de Fundación ”la Caixa” en Galicia, entidade que financia o programa Senda pola Saúde Mental desde os seus inicios en xullo de 2022.

Durante a súa intervención, Susan agradeceu a labor do equipo técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia neste proxecto e o traballo en rede coas distintas institucións e profesionais dos concellos ós que chega Senda pola Saúde Mental.

“Grazas a vós atopei alguén que me entendera”

O punto central do evento consistiu nunha mesa redonda na que interviñeron Félix Alonso, técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia, María José Traba Rivera, traballadora social do Hospital de Piñor; e dúas persoas usuarias do programa; María José Ferro e Guillermo Fernández.

Félix Alonso lembrou que, neste primeiro ano, o programa chegou a 25 usuarios e 35 familias: “Foi un apoio individualizado, que incluíu asesoramento en diferentes materias, accións formativas e que se fixo en coordinación cos distintos servizos sociais no territorio.”

María José Traba, sinalou que este proxecto remarca a necesidade de traballar directamente coas persoas no seu entorno e adicarlles o tempo necesario para atender as súas necesidades e mellorar a súa calidade de vida. Algo que na sanidade pública, pola casuística da mesma, non sempre é posible.

O momento máis emocional foi cando María José Ferro e Guillermo Fernández, as dúas persoas usuarias do programa, contaron a súa propia experiencia. María José sinalou que a intervención de Saúde Mental FEAFES Galicia con este programa foi decisiva para ela: “atopar a alguén que me dese unha man a min e a miña filla axudoume moito. Grazas a iso podo estar hoxe aquí sentíndome mellor.” Guillermo reafirmou as palabras de María José e sinalou a importancia da comprensión cando se traballa con problemas de saúde mental: “Grazas a vós atopei a alguén que me entendera e que entendera a miña enfermidade.”

A saúde mental no rural, unha realidade desatendida

A realidade xeográfica de Galicia provoca que existan territorios rurais afastados nos que o acceso e a conexión aos servizos é moi limitada ou inexistente. Isto implica un gran problema para as persoas con problemas de saúde mental que viven nestas zonas, tanto por estar alonxadas dos servicios de apoio como pola soidade que sofren na maioría dos casos.

No primeiro ano de implantación do programa, traballouse nos concellos da Baixa Limia (Lobios, Entrimo, Muíños, Bande e Lobeira) e na Mancomunidade de Celanova (Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramiráns e Verea). Este traballo implica un achegamento do persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia ás zonas nas que residen estas persoas, podendo atendelas así na súa contorna.

Co programa Senda Pola Saúde Mental avanzamos no obxectivo de achegar os recursos e servizos ás persoas que viven en núcleos de poboación afastados, ofrecerlles atención individualizada e defender o uso efectivo dos dereitos tanto das persoas participantes como das súas familias e persoas achegadas. Tamén facilita a implicación das usuarias e usuarios coa súa contorna, mellorando a súa vinculación inclusiva, positiva e activa na comunidade.