A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de renovar a concesión que xa tiñamos de 10 postos de orientación nas nosas cinco delegacións, e concédenos dúas novas en Pontevedra e Ferrol.
Desde o ano 2002, Saúde Mental FEAFES Galicia conta cun servizo de orientación laboral. Neste servizo, que realizamos grazas ao apoio da Xunta de Galicia e que está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, favorecemos a inserción laboral das persoas demandantes de emprego que teñen algún problema de saúde mental.
Agora, aos 10 orientadores e orientadoras que xa formaban parte do noso equipo en distintas cidades de Galicia, súmanse dúas novas profesionais, unha en Pontevedra e outra en Ferrol. Con estas novas incorporacións esperamos seguir mellorando o servizo e atendendo as demandas das persoas usuarias.
Favorecemos o acceso ao emprego
Para as persoas con problemas de saúde mental, acceder a un traballo non é doado. O desemprego e a marxinación no mundo laboral son unha das maiores desvantaxes sociais que sofren. Esta nova concesión permítenos reforzar o noso servizo de orientación laboral en dúas cidades que presentan unha gran demanda.
En Ferrol e Pontevedra, como xa viñamos facendo nas nosas delegacións de Ourense, Lugo, Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, atenderemos a cada persoa usuaria dun xeito individualizado e integral. O noso servizo inclúe dende a análise das motivacións e capacidades de cada persoa ata o acompañamento posterior no posto de traballo.
Nos itinerarios individualizados de inserción que deseñamos coas persoas usuarias damos especial relevancia á aprendizaxe. Por iso, facilitamos acceso ás formacións precisas para aumentar as súas oportunidades laborais. De forma complementaria, tamén establecemos e fortalecemos relacións coas empresas locais para que os usuarios e usuarias poidan ter contacto directo co mundo laboral a través de charlas, obradoiros e prácticas non laborais. Todo isto co obxectivo de acadar a súa inserción laboral.
Grazas ao noso servizo de orientación laboral, e coas novas concesións en Ferrol e Pontevedra, poderemos seguir traballando para eliminar as barreiras e prexuízos existentes. Así, demostramos que as persoas con problemas de saúde mental están capacitadas para traballar e poder levar unha vida normalizada se a sociedade e o mercado laboral lles ofrece oportunidades.
Se resides cerca de Pontevedra e Ferrol e queres informarte sobre o noso servizo de orientación laboral para persoas con problemas de saúde mental, chámanos ao noso teléfono gratuíto 900 102 661
Coa colaboración de:
![]()


