Este mes de novembro, a federación Saúde Mental FEAFES Galicia cumpre 25 anos traballando na defensa dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias; axuntando esforzos, reivindicacións e accións para mellorar a calidade de vida do colectivo na nosa comunidade.
Moito cambiaron as cousas neste tempo, pois o que comezou nun despacho cunha mesa e catro cadeiras, hoxe é un movemento asociativo con arredor de 6.000 persoas asociadas e con presenza en máis de 30 localidades galegas; movemento que defende as necesidades e intereses das preto de 70.000 persoas con problemas de saúde mental que hai en Galicia.
Antes de todo isto, fai corenta anos, a atención asistencial ás persoas con problemas de saúde mental recaía maioritariamente nas súas familias e nas persoas máis próximas, mentres que os casos máis extremos remataban internados en hospitais psiquiátricos onde o tratamento e a atención eran totalmente inadecuados.
Foi na década dos 80 cando as familias empezaron a xuntarse para tratar de cambiar esta situación degradante que acotío incumpría dereitos humanos elementais. Pouco a pouco, en diferentes puntos de Galicia, estes grupos de persoas foron organizándose ata conformar asociacións que empezaron a ofrecer servizos de apoio para contribuír á recuperación dos seus e as súas familiares, do mesmo xeito que comezaron a alzar a voz na defensa dos seus dereitos.
Durante os seus primeiros anos de vida, a procura de locais e a contratación de profesionais foron poñendo en pé o primeiro chanzo do que hoxe en día é toda unha rede de servizos a prol do colectivo.
Foi en novembro de 1995 cando todas estas asociacións xuntáronse e constituíron a federación Saúde Mental FEAFES Galicia, que naceu como un espazo de colaboración e proxección cara ao exterior dun colectivo historicamente relegado nas prioridades sociosanitarias das administracións públicas e esquecido tamén nas preocupacións sociais.
O nacemento da federación permitiu axuntar esforzos para mellorar o financiamento, centralizar a relación coas distintas administracións públicas, dirixirse a todo tipo de entidades e organismos, poñer en marcha servizos comúns, defender os dereitos do colectivo con máis forza e tratar de cambiar a percepción que ten a sociedade respecto á saúde mental, loitando así contra o estigma que tanto pesa sobre o colectivo.
25 anos despois, alégranos poder ofrecer unha gran cantidade de servizos de apoio ás persoas con problemas de saúde mental, camiñando tamén cara a súa integración real na estrutura federativa, porque cremos que elas e eles son o futuro.
Mirando cara adiante, temos unha enorme cantidade de proxectos cos que intentaremos cubrir tódalas necesidades das persoas coas que traballamos. E non soamente as estritamente asistenciais, porque sabemos que a recuperación non só consiste en eliminar ou controlar síntomas, senón que vai moito máis alá: a recuperación de horizontes vitais perdidos a causa dos problemas de saúde mental. Para iso, o traballo por diante é inmenso, pero afrontarémolo co entusiasmo e o esforzo que nunca nos faltou.
Dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos agradecer a todas as compañeiras e compañeiros da federación, así como a todas e cada unha das asociacións que conforman o movemento, o esforzo e a dedicación altruísta na convicción de que un futuro mellor é posible para o noso colectivo.
Que sexan moitos anos máis facendo camiño pola saúde mental.