Skip to main content
O Departamento de Emprego do Concello da Coruña, en colaboración coas entidades da Mesa Temática de Promoción do Emprego do Pacto Local, celebrou o pasado 9 de novembro a “III Xornada a Innovación nas Políticas Locais de Emprego: Contrata Talento”, que tivo lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña.
Foi un evento dirixido fundamentalmente ás empresas interesadas en mellorar a súa responsabilidade social e cunha visión de negocio que eleva a competitividade, reduce riscos e mellora a reputación dunha organización.
Con esta xornada pretendeuse fomentar a contratación dos colectivos con especiais dificultades para a inserción laboral cos que traballan as entidades integrantes do Pacto Local polo Emprego, entre elas Saúde Mental FEAFES Galicia. 
Neste senso, a orientadora laboral de Saúde Mental FEAFES Coruña, Cristina Rivas, participou como relatora na mesa “O Pacto Local polo Emprego: impulso dunha estratexia común para a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables”. 
Na súa intervención, Cristina Rivas falou da contratación de persoas con discapacidade, representando ás tres entidades deste ámbito que forman parte do Pacto: Down Coruña, COGAMI e Saúde Mental FEAFES Galicia. Na mesa, moderada pola prospectora laboral de Cruz Vermella, Mery Gómez, interviño tamén o orientador laboral de Juan Soñador, Jorge García.