Skip to main content
Saúde Mental FEAFES Galicia sacou á luz a súa memoria de actividades correspondente ao ano 2017 coa fin de visibilizar as accións realizadas a favor das persoas con problemas de saúde mental e os seus achegados. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ao alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.
Ao longo do 2017, o servizo de Información e Asesoramento personalizados de Saúde Mental FEAFES Galicia atendeu 2.419 chamadas telefónicas á liña gratuíta e realizou 1.057 seguimentos coordinados con outras organizacións e recursos. A asesoría xurídica, pola súa banda, orientou a 795 persoas sobre asuntos legais relacionados coa saúde mental.
A través do servizo de Emprego e Formación recibiron orientación laboral un total de 908 persoas, logrando que 311 usuarios accedesen ao mundo laboral a través de 565 contratos. Fomentouse tamén o acceso a prácticas non laborais, das que puideron beneficiarse 55 usuarios, e realizáronse accións de prospección laboral realizando 389 visitas a empresas e logrando 71 convenios de colaboración. 
Tamén se potenciou o traballo no eido da Atención á Exclusión a través de programas como o de Atención Integral en Centros Penais, no cal se traballou con 166 persoas internas con problemas de saúde mental, ou o Proxecto de Inclusión Social, do que se beneficiaron 100 persoas. En Santiago desenvolveuse o Programa de Atención a Persoas sen Fogar, ao cal accederon 91 persoas novas, e na Coruña continuouse traballando en rede na Mesa de Persoas sen Fogar.
O servizo de Ocio e Deportes ofreceu estancias vacacionais, nas que participaron 340 persoas, e organizou diversas viaxes, das que se beneficiaron 124 persoas, ademais de realizar o Camiño de Santiago con 60 peregrinos. Tamén levou a cabo un programa de deporte e saúde no que participaron 579 persoas ao longo do ano. Cabe destacar, ademais, a ampla actividade dos Clubs de Ocio, que contan con 621 participantes.
En canto ao servizo de Comunicación e Sensibilización, no 2017 lográronse 172 aparicións en medios de comunicación e a páxina web recibiu un total de 70.387 visitas, destacando tamén a ampla presenza na internet a través das redes sociais. En canto ás accións de sensibilización, destacan a campaña # Oqueteñonamente realizada a propósito do Día Mundial da Saúde Mental e os programas Mentalízate e Descubre de sensibilización en institutos.
Por outra banda, Saúde Mental FEAFES Galicia continuou co traballo de Desenvolvemento Asociativo, no cal destaca o deseño dun catálogo de servizos unificado entre todas as entidades que conforman a federación. Ademais, elaboráronse diversos documentos de orde interna, traballouse para mellorar a capacitación técnica e directiva das asociacións e revisáronse os modelos organizativos dalgunhas entidades membro.
Outro ámbito de destacable actividade foi o de Incidencia Política e Diálogo Civil, a través do cal se mantén unha interlocución frecuente con diversas administracións. Ao longo do 2017, asináronse 9 convenios de colaboración con distintos organismos públicos e privados. Ademais, Saúde Mental FEAFES Galicia forma parte de entidades de terceiro nivel como EAPN-Galicia, Cermi Galicia e a Confederación Salud Mental España, coas que se realizaron 28 reunións ao longo do ano.