Skip to main content
Saúde Mental FEAFES Galicia sacou á luz a súa memoria de actividades correspondente ao ano 2020 co fin de visibilizar as accións realizadas a favor das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e persoas achegadas. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ao alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.
O 2020 estivo claramente marcado pola irrupción da COVID-19 e todos os cambios que esta supuxo. Neste senso, destaca a excelente resposta e o importante traballo de contención realizado polo movemento asociativo, o cal permitiu minimizar o impacto da pandemia e reducir notablemente as situacións de crise. Así, durante o confinamento, entre as asociacións e as delegacións realizáronse 26.223 chamadas telefónicas, fixéronse 2.506 seguimentos presenciais en domicilios e pisos, leváronse a cabo 1.126 acompañamentos en xestións no exterior e atendéronse 196 incidencias.
Ademais, a actividade habitual da federación non cesou, se ben deixouse de prestar atención presencial asidua nos meses de maior incidencia da pandemia. Ao longo do 2020, o servizo de Información, Asesoramento e Apoio de Saúde Mental FEAFES Galicia atendeu a 2.026 persoas usuarias e recibiu 1.630 chamadas telefónicas á liña gratuíta. A asesoría xurídica, pola súa banda, orientou a 223 persoas sobre asuntos legais relacionados coa saúde mental.
A través do servizo de Inserción Laboral e Emprego recibiron orientación laboral un total de 1.261 persoas, logrando que 434 usuarios e usuarias accedesen ao mundo laboral a través de 685 contratos. Fomentouse tamén o acceso a prácticas non laborais, das que puideron beneficiarse 19 persoas, e realizáronse accións de prospección laboral levando a cabo 215 visitas a empresas.
Tamén se potenciou o traballo de Acción Social a través de programas como o de Atención Integral en Centros Penais, no cal se traballou con 147 persoas internas con problemas de saúde mental, ou o Proxecto de Inclusión Social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, do que se beneficiaron 50 persoas. En Santiago desenvolveuse o Programa de Atención a Persoas en Risco de Exclusión, ao cal accederon 369 persoas, e na Coruña continuouse traballando en rede na Mesa de Persoas sen Fogar.
O servizo de Lecer e Deportes ofreceu estancias vacacionais e puxo en marcha o proxecto Galicia De Casa en Casa. Tamén levou a cabo un programa de deporte e saúde no que participaron 138 persoas ao longo do ano e realizou numerosas actividades socioculturais e de integración comunitaria ás que acudiron 109 participantes. Cabe destacar, ademais, a ampla actividade dos Clubs de Ocio, que contan con 418 participantes e ofreceu este ano unha completa variedade de actividades en liña durante os meses de maior incidencia da COVID-19.
En canto ao servizo de Comunicación, no 2020 lográronse 137 aparicións en medios de comunicación e a páxina web recibiu un total de 56.157 visitas, destacando tamén a ampla presenza na Internet a través das redes sociais. En canto ás accións de sensibilización, destacan a campaña “Saúde mental e benestar: unha prioridade global” a propósito do Día Mundial da Saúde Mental, o programa Descubre de sensibilización en institutos e a conmemoración do 25 aniversario da entidade.
Por outra banda, Saúde Mental FEAFES Galicia continuou co traballo de Apoio ao Movemento Asociativo, onde se traballaron propostas para aportar ao Plan Galego de Saúde Mental, participouse na contratación dos recursos galegos de atención comunitaria xestionados polas nosas asociacións, traballouse para mellorar a capacitación técnica das entidades membro e demos a benvida á asociación ASPANEPS como nova entidade federada.
Outro ámbito de destacable actividade foi o de Incidencia Política e Diálogo Civil, a través do cal se mantén unha interlocución frecuente con diversas administracións. Ao longo do 2020, asináronse 8 convenios de colaboración con distintos organismos públicos. Ademais, Saúde Mental FEAFES Galicia forma parte de entidades de terceiro nivel como EAPN-Galicia, Cermi Galicia e a Confederación Salud Mental España, coas que se realizaron 13 reunións ao longo do ano. O Comité en Primeira Persoa de Galicia, pola súa banda, realizou 9 reunións e múltiples proxectos de sensibilización e loita contra o estigma.