Arroupada por autoridades da Sanidade Pública e
membros das corporacións locais, Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e
Ortegal, fixo, o pasado 13 de outubro, o acto de colocación da primeira pedra
da que será a nova
Unidade Residencial de Saúde Mental en As Pontes.
As novas instalacións, situadas nunha finca de 2.683
metros cadrados,
rexerase por un podelo aberto e terá capacidade para 25 usuarios, con idades
comprendidas entre os 35 e os 60 anos. O inmoble estará distribuído en tres habitacións
dobres, 19 individuais, zonas comúns para esparcemento e ocio, zona para taller
de actividades, comedor, cociña e almacén, ademais de oficinas e despachos de
atención personalizada.
O acto contou coa presencia do
Alcalde de As Pontes e presidente da Deputación, Valentín González Formoso,
ademais dos rexedores de Ferrol, Ángel Mato, e Pontedeume, Bernardo Fernández,
e do presidente da entidade promotora, Félix Pena e o arquitecto autor do
proxecto, Felipe Picos. Tamén acudiron representantes da Xunta como o director
Xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González e a delegada territorial,
Martina Aneiros.
Félix Pena, presidente de
Saúde Mental Ferrol, sinalou a importancia deste novo centro, “o cuarto que
existe en Galicia e o décimo terceiro de España. Un proxecto que empezamos
a traballar no 2008, que se veu
paralizado pola crise económica e que retomamos en 2018 con maior forza e que
hoxe xa é unha realidade”, indicou satisfeito durante a súa intervención, avanzando
que o prazo de execución se pode prolongar durante un ano e medio.
Este é o cuarto centro
residencial de Galicia tras os de Cee, Cervo e Vilagarcía. A unidade de As
Pontes permitirá cubrir unha ausencia de recursos que había na área sanitaria
de Ferrolterra para persoas con problemas de saúde mental severos de longa
duración.
“Detrás da colocación da
primeira pedra, hai un traballo enorme. É un orgullo para este pobo ser
prestador un servicio público que é máis necesario que nunca, nun momento no
que a saúde mental é unha das principais preocupacións da cidadanía”, expresou
o rexedor pontés, Valentín González Formoso, que confirmou tamén que o
centro contará cunha vintena de persoas traballadoras “que serán un pulmón
económico no ámbito da protección social na comarca”
Entre os servizos que prestará
a Unidade Residencial de Saúde Mental destacan os programas individualizados
de atención especializada, un plan de apoio familiar, asistencia nas
actividades básicas e instrumentais da vida diaria, propostas de ocio e tempo
libre así como rehabilitación funcional, estimulación cognitiva e atención
psicolóxica.
Con estas novas instalacións,
preténdese mellor a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental
e das súas familias, así como mantelas no entorno comunitario, dar apoio ás
familias e prestar servizos de rehabilitación psiucolóxica e social mediante
unha atención integral.
—
A Asociación Saúde Mental
Ferrol, Eume e Ortegal está integrada por persoas con emfermidade mental,
os sues familiares e profesionais de distintos campos relacionados coa saúde
mental e forma parte do movemento asociativo a favor das persoas con
enfermidade mental Saúde Mental FEAFES Galicia.