Sorrisos, abrazos e moitos goles pola integración. O pavillón municipal de Fontiñas, en Santiago de Compostela, luciu as súas mellores galas o pasado xoves 27 de febreiro para albergar o partido entre os equipos de FEAFES Santiago e FEAFES Lugo correspondente á competición integradora “A Nosa Champions” que puxo en marcha a Fundación do Fútbol Galego e Saúde Mental FEAFES Galicia esta mesma tempada.
O choque serviu, ademais, para que Saunier Duval, o patrocinador oficial do campionato, fixese realidade a súa aposta por este evento. Antes do comezo do encontro, a empresa fixo entrega a todos os participantes da camiseta de quecemento oficial do torneo e dun portabotas paraa cada xogador.
Saunier Duval e a Fundación do Fútbol Galego rubricaron recentemente un acordo a través do cal esta empresa especializada na concepción, fabricación e venda de solucións de calefacción pasou a converterse no patrocinador principal desta competición que arrincou hai algunhas semanas e que concluirá no próximo mes de xuño.
Ao acto asistiron Gary Barboza, director rexional noroeste de Saunier Duval; Marcos Ordóñez, director comercial de Saunier Duval e árbitro galego; Pablo Prieto, vicepresidente da RFGF e máximo responsable do fútbol sala na entidade que preside Rafael Louzán; e Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia.
A Nosa Champions
“A Nosa Champions” é a liga de fútbol sala na que participan 8 equipos pertencentes a asociacións de persoas con problemas de saúde mental en Galicia. Trátase dunha iniciativa integradora de responsabilidade social creada por Saúde Mental FEAFES Galicia e organizada pola Real Federación Galega de Fútbol a través da Fundación do Fútbol Galego. Con esta competición deportiva preténdese marcarlle goles aos prexuízos e xutar forte para eliminar o estigma que rodea ás persoas que teñen este tipo de doenzas.
Esta iniciativa, que agora conta co importante apoio de Saunier Duval, persegue unha serie de obxectivos como:
- Fomentar hábitos de vida saudable entre as persoas con problemas de saúde mental
- Fomentar a práctica habitual dunha actividade deportiva, neste caso o fútbol sala
- Propiciar o encontro entre as persoas participantes favorecendo así as relacións e habilidades sociais entre elas