Skip to main content
O pasado 14 de xuño, a empresa compostelá SC-20 asinou un convenio de colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia coa fin de impulsar proxectos encamiñados a fomentar a integración sociolaboral de persoas con problemas de saúde mental.
A través desta sinatura, ambas entidades comprométense a colaborar na promoción da contratación laboral directa de persoas con dificultades para inserción sociolaboral. Para iso, SC-20 manterá informado a Saúde Mental FEAFES Galicia das súas necesidades de persoal, indicando os perfís requiridos, os prazos de incorporación e as características que deberán reunir os candidatos. 
Pola súa banda, Saúde Mental FEAFES Galicia preseleccionará aos posibles candidatos sen custe algún, reservándose a empresa a decisión final de contratar ou non ás persoas propostas en base á súa idoneidade e adecuación ao perfil requirido.
Por outra banda, o convenio de colaboración tamén inclúe a promoción da formación de persoas con problemas de saúde mental. Neste senso, se ambas entidades o consideran oportuno, poderán organizarse accións formativas e de cualificación dos candidatos para a realización das tarefas propias dos postos de traballo previstos. 
En calquera caso, Saúde Mental FEAFES Galicia comprométese a prestar en todo momento asesoramento experto no referido ás necesidades especiais que poidan demandar as persoas con problemas de saúde mental empregadas por SC-20.