Skip to main content

100 persoas con problemas de saúde mental están a realizar cursos pertencentes ao catálogo do SEPE no Programa Integrado de Emprego, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal.

 Saúde Mental FEAFES Galicia continúa co Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2024-2025, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

O obxectivo deste programa é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral na comunidade autónoma de Galicia.

As formacións que se están facendo permiten que as persoas usuarias actualicen e reforcen as súas competencias de cara a mellorar a súa empregabilidade.

Formacións que melloran a empregabilidade

No marco deste programa estamos a impartir formacións en A Coruña, Ourense, Santiago e Vigo. Na Coruña, realizaron a “Charla Centro Especial de Emprego: Integra Cee”. Pola súa banda, o alumnado de Ourense gozou dunha charla coa responsable de recursos humanos de Galejob.

En Santiago xa remataron o “Obradoiro de TICs e APPs para a busca de emprego”. E finalmente, en Vigo, a finais de abril tivo lugar a “Presentación do Espazo Coop: Emprendemento Cooperativo: Coñeces a fórmula?”, o obradoiro “Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica”; e, xa en marzo, realizouse o obradoiro “TICs para a busca activa de emprego”.

Itinerarios personalizados para a inserción laboral

O Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2024-2025, contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen accións individualizadas e grupais para facilitar a adquisición de habilidades laborais que favorezan a inserción laboral das persoas participantes.

Nesta iniciativa, contamos cunha bolsa de axudas de 10€ diarios. Tamén estableceremos medidas de conciliación segundo as necesidades.

A través deste proxecto, esperamos que as persoas participantes melloren as súas oportunidades de acceso ó emprego e acadar, como mínimo, o 42% de inserción. Agardamos que esta iniciativa sexa un apoio para que as persoas con problemas de saúde mental poidan alcanzar os seus obxectivos persoais  e profesionais.