Skip to main content

Continúa o programa “Dixitalízate para o emprego” que realizamos en Santiago grazas ao apoio da Confederación SALUD MENTAL España.

7 persoas cun problema de saúde mental, participan no programa “Dixitalízate para o Emprego: Desenvolvemento das habilidades dixitais para a inclusión laboral”.

Esta iniciativa está financiada pola Confederación SALUD MENTAL España dentro da 4ª Convocatoria 2025/2026 da Estratexia da Empregabilidade para a mellora e desenvolvemento de actividades dixitais para o aumento da empregabilidade e a redución da fenda dixital para as persoas cun problema de saúde mental e/ou discapacidade psicosocial.

 

Un impulso para o acceso ao emprego

Actualmente, ter dificultades para o manexo e uso das ferramentas dixitais no ámbito laboral, obstaculiza a adquisición e mantemento dun emprego. Por iso, desde xaneiro e ata marzo, sete persoas usuarias da nosa entidade que están en busca activa de emprego, con pouca ou nula experiencia laboral e que teñen dificultades para buscar un emprego ou para afrontar unha entrevista de traballo; participan no programa “Dixitalízate para o Emprego”.

Esta iniciativa está especialmente dirixida a aquelas persoas usuarias que mostren maiores dificultades para integrarse na comunidade e levar unha vida autónoma. Tamén se prioriza a inclusión de mulleres vítimas de violencias de xénero con cargas familiares, persoas inmigrantes e persoas con dificultades especiais.

As formacións do programa “Dixitalízate para o emprego” son presenciais, pero facilítase a asistencia telemática a aquelas participantes con dificultades para o desprazamento. Tamén se facilitan recursos de conciliación e se outorgan becas para cubrir os gastos de desprazamento daquelas persoas que o precisan, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible relacionados cunha educación inclusiva e accesible.

Tres meses adquirindo habilidades dixitais para a busca de emprego

A través do programa “Dixitalízate para o Emprego”, buscamos mellorar as habilidades e competencias dixitais das persoas con problemas de saúde mental en idade laboral. Queremos favorecer a súa inserción no mercado laboral, potenciar a súa autonomía e promover a súa integración social para así garantir o seu benestar e a igualdade de oportunidades.

Este proxecto consta de 84h de formación nas que se combinan aspectos teóricos e prácticos. O programa formativo está dividido en 10 módulos que abordan aspectos clave do desenvolvemento laboral e persoal:

  • Habilidades dixitais para a adquisición e edición de CV e cartas de presentación empregando aplicacións especializadas.
  • Busca de empresas para envío de CV no ámbito dixital.
  • Busca de información en buscadores de emprego online.
  • Competencias dixitais para o uso de plataformas de videochamadas, creación de tarefas, certificado dixital e trámites online.
  • Ciberseguridade.
  • Dereitos sociais e humanos, ODS, perspectiva de xénero e igualdade.

O programa inclúe tamén unha parte práctica e asesoramento personalizado que permite ás persoas participantes realizar simulacións de entrevistas laborais, practicar a creación de CVs personalizados, mellorar as habilidades sociais e comunicativas a través de dinámicas de grupo e recibir orientación individualizada sobre o seu desenvolvemento profesional.

Con programas como “Dixitalízate para o emprego”, a nosa entidade continúa traballando para garantir a inclusión social e laboral das persoas cun problema de saúde mental, proporcionando oportunidades que favorezan a súa integración, autonomía e benestar.

 

Coa colaboración da:

 

O proxecto “Dixitalízate para o emprego: desenvolvemento de habilidades dixitais para a inclusión laboral”, foi financiado pola Confederación SAÚDE MENTAL España dentro da 4ª Convocatoria 2025/2026 da Estratexia da Empregabilidade para o Desenvolvemento de Competencias laborais, sensibilización social e apoio e materia de emprego para as persoas con problemas de saúde mental e/ou discapacidade psicosocial.