Skip to main content

O proxecto Senda pola Saúde Mental, que realizamos coa colaboración de Fundación “la Caixa”, renóvase por un ano máis e amplía o seu territorio a Pontevedra.

Seguimos camiñando e seguimos construíndo a Senda pola Saúde Mental. Este proxecto, que busca mellorar a calidade de vida, a autonomía e defender os dereitos das persoas con problemas de saúde mental que viven no rural de Galicia, comeza o seu terceiro ano.

Este servizo está sendo cada vez máis demandado e, grazas á colaboración de Fundación ”la Caixa” durante estes tres anos,  puidemos ampliar, por primeira vez, o noso territorio de actuación á provincia de Pontevedra.

Ampliamos a nosa zona de actuación

A través de Senda pola Saúde Mental, podemos achegar recursos a persoas con problemas de saúde mental no rural de Galicia que se atopan en situación de vulnerabilidade social. O noso obxectivo é mellorar a súa calidade de vida e fomentar a igualdade de oportunidades.

A nosa atención é individualizada. Abordamos de forma personalizada as necesidades de cada usuaria e usuario. Tamén colaboramos coa rede de apoio de cada persoa para que participen activamente no seu proceso de mellora.

Ademais, fortalecemos a súa vinculación inclusiva, positiva e activa na comunidade. Loitamos contra o illamento ao que se enfrontan moitas destas persoas a través do acceso a servizos e actividades sociocomunitarias.

Para todo isto, é fundamental traballar en rede cos recursos e profesionais implicados no proceso de cada participante. Non sería posible abordar todos os  ámbitos de cada persoa sen este traballo colaborativo.

O eixo prioritario do noso traballo é que as persoas sexan protagonistas do seu proceso. Por iso, este ano crearemos un grupo autoxestionado, no que as persoas usuarias se poidan reunir autónomamente para organizar actividades e compartir experiencias. Este grupo pretende, a través do aprendizaxe colaborativo, reducir o illamento, a soidade e o estigma das persoas con problemas de saúde mental do medio rural, tecendo redes de apoio que promovan a sororidade entre elas

Con Senda pola Saúde Mental, os equipos profesionais poden atender ás persoas usuarias na súa propia contorna, desde un coñecemento máis profundo o que nos permite acompañalas no seu día a día.

 

Contacta con nós

Se ti ou alguén que coñeces vive nalgunha das zonas rurais de Galicia que aparecen a continuación, se atopa nunha situación de especial vulnerabilidade e  ten un problema de saúde mental, podes contactar con nós no teléfono gratuíto 900 102 661.

Actualmente Senda pola Saúde Mental actúa nas seguintes comarcas:

  • Na provincia de Ourense:
    • Baixa Limia.
    • Terra de Trives.
    • Terras de Celanova.
    • Viana.
  • Na provincia de Pontevedra:
    • Deza.
    • Tabeirós – Terra de Montes.
    • Caldas.