Skip to main content
Fotografía de El Progreso de Lugo.
Irene Fojo, de 21 anos, vive en Lugo e o pasado ano participou no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade que leva a cabo Saúde Mental FEAFES Galicia, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade. 
Conta Rocío Megía, a técnica responsable do programa en Lugo, que ao principio, a Irene custáballe bastante participar nas actividades que se propoñían dende a entidade. Levaba pouco tempo en Saúde Mental FEAFES Galicia cando se lle ofertou formar parte do programa de atención integral a mulleres. 
Nese momento, a súa situación persoal era delicada e non se atopaba moi ben animicamente, aínda que estaba estudando a ESO e coidaba nenos polas tardes. O persoal técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia centrouse inicialmente en prestarlle apoio psicolóxico para que se mantivese vinculada aos servizos de saúde mental e non abandonase os estudos. 
Ademais, propuxéronlle mellorar as súas condicións laborais, tratando de transmitirlle os beneficios que isto podería aportarlle. Grazas ao esforzo de Irene, apoiada pola equipa da entidade, logrou un contrato de traballo na empresa Limpezas San Froilán, o cal desempeñou dun xeito óptimo e cunha gran satisfacción tanto para ela como para a empresa. 
O feito de conseguir este contrato, conta Irene, supúxolle un gran empuxe e unha importante mellora da súa autoestima. Ela mesma di que antes de acceder a ese emprego sentía inseguridade e medo por facer mal as cousas, pois pensaba que quizais non sería capaz de desempeñar correctamente as labores que lle asignasen. 
Irene tamén participou no “Obradoiro de alfabetización dixital. Trámites administrativos básicos” que se levou a cabo no marco do programa. Tras participar nesta formación, animouse a realizar unha proposta a Saúde Mental FEAFES Galicia para impartir unha charla sobre igualdade ao grupo de mulleres da presente edición, charla que xa presentara tamén no seu instituto. A proposta foi moi ben recibida, aínda que, debido á situación derivada da COVID-19, terá que agardar a próximas edicións do programa. 
O persoal técnico de Saúde Mental FEAFES Galicia en Lugo destaca de Irene que é unha persoa alegre, forte, que pon moito esmero nas metas que se marca e que en ocasión demostra unha madurez sorprendente para os seus 21 anos. A día de hoxe xa é graduada en ESO, e agardamos que o vindeiro ano continúe formándose e mellorando cada día como persoa.