Skip to main content
Novas

Seis entidades galegas de acción social renovan o convenio Incorpora

By 27 de Xullo de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

reunion_incorpora.jpg

Seis entidades galegas de acción social renovaron o convenio Incorpora, unha iniciativa de Obra Social “la Caixa” para favorecer a integración laboral das persoas con dificultades de acceso ao traballo.

En virtude do convenio asinado, o Grupo Incorpora Galicia aumenta o seu número de entidades membro grazas á incorporación da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Continúan na rede un ano máis a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES GALICIA); a Fundación Érguete-Integración; a Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES); Cruz Vermella de Ourense e Lugo; e mais Igaxes3, entidade coordinadora do grupo.

Mediante o traballo con empresas e asociacións empresariais, o programa Incorpora facilita o acceso á formación e ao traballo daquelas persoas en risco de exclusión coas que traballan as organizacións integrantes. Os técnicos e técnicas  de inserción laboral ocúpanse de identificar potenciais empresas contratantes, así como de facer un seguimento do proceso de formación e do acompañamento laboral de cada persoa beneficiaria.

Pola súa banda, grazas a Incorpora, o empresariado ten a oportunidade de desenvolver accións de responsabilidade social corporativa. Cada empresario ou empresaria pode contar con candidatos que recibiron unha formación adaptada ás necesidades da súa empresa, e atopar no técnico de inserción unha figura de apoio e asesoramento permanente que vela polo bo desenvolvemento da relación laboral.

Un milleiro de insercións desde 2006
A iniciativa quere contribuír á sensibilización social e á creación de oportunidades de traballo para persoas con dificultades de inserción: persoas con discapacidades físicas, intelectuais, sensoriais, con enfermidades mentais, mozos/as con dificultades para acceder ao primeiro traballo, maiores de 45 anos sen experiencia laboral, persoas inmigrantes, parados de longa duración, mulleres que sufriron violencia de xénero e  persoas privadas de liberdade en 3º grao.

Seis anos despois da súa posta en marcha, o grupo Incorpora Galicia promoveu a inserción laboral de 982 persoas con dificultades especiais para atopar traballo, grazas á vinculación de 636 empresas galegas. Malia o difícil contexto económico, na primeira metade deste ano 2012 adheríronse 69 novas empresas e lográronse 108 insercións laborais.