Skip to main content

Senda pola Saúde Mental continúa o seu camiño en Ourense grazas á colaboración de Fundación “la Caixa”. Atendendo a persoas cun problema de saúde mental que viven nas zonas máis rurais.

Desde xullo de 2022 atendemos as necesidades de saúde mental no rural ourensán co programa Senda pola Saúde Mental. Con esta iniciativa, posible grazas á  colaboración de Fundación “la Caixa”, prestamos apoio e atención ás persoas que residen en zonas rurais da provincia. Concretamente nas comarcas da Baixa Limia, Pobra de Trives, Terras de Celanova e Viana do Bolo.

“Antes atopábame moi perdida, non falaba, culpábame a min mesma de todo e alonxábame da familia e das amizades, considerábame un fracaso. En FEAFES atopei a man amiga que estaba buscando para saír do pozo”- María José, participante de Senda.

Neste 2023/2024 continuamos traballando con algunhas persoas que xa formaban parte do proxecto, como María José, ás que poidemos darlles continuidade na atención e seguir traballando no seu itinerario persoal.

Moitas das persoas coas que traballamos viven soas e non teñen familiares nin rede de contacto na que apoiarse, polo que poden sentir unha soidade non desexada. Grazas ás intervencións do noso equipo técnico, tratamos de garantir a inclusión comunitaria das persoas participantes en Senda pola Saúde Mental. Procuramos que coñezan os recursos que teñen próximos, que establezan redes na súa contorna e que pouco a pouco se vaian sentido parte importante da comunidade.

“Estar no programa aportoume confianza, seguridade e un apoio que na casa non teño. Tamén me apoiaron xurídicamente cando o precisei. Agradezo moito a atención continuada que me prestan. Síntome mellor emocional e psicolóxicamente”- Guillermo, participante de Senda.

Durante este período de 2023/2024, Senda pola Saúde Mental ten como obxectivo achegar recursos a un mínimo de 25 persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade social.

O noso modelo baséase nunha atención integral en función das necesidades individuais de cada persoa. Traballamos con flexibilidade e adaptámonos ás demandas e cambios que poidan sucederse na vida de cada participante.

Esta experiencia permite que o equipo deprofesionais se acheguen ás persoas que teñen algún problema de saúde mental e ó seu entorno desde un coñecemento mútuo máis fondo. Así, contribuímos a mellorar a calidade de vida e a fomentar a igualdade de oportunidades das persoas que participan no programa e da súa contorna.

Coa colaboración de: