Senda pola Saúde Mental continúa o seu camiño en Ourense e Pontevedra grazas á colaboración de Fundación ”la Caixa”. Atendendo as persoas con problemas de saúde mental que viven nas zonas máis rurais.
Actualmente, son 30 as persoas con problemas de saúde mental residentes das zonas rurais de Ourense e Pontevedra ás que atendemos no programa Senda pola Saúde Mental. O noso obxectivo é chegar a 35 persoas ao longo do programa. Grazas a esta iniciativa, posible coa a colaboración de Fundación ”la Caixa”, prestamos apoio e atención a persoas que residen en zonas rurais destas provincias. Concretamente nas comarcas da Baixa Limia, Terra de Trives, Terras de Celanova, Viana do Bolo e a Comarca de Valdeorras (Ourense) e na Comarca do Deza, Tabeirós-Terra de Montes e Caldas (Pontevedra).
Máis de 200 intervencións individuais para garantir a atención personalizada
Este proxecto entra na súa fase de consolidación con resultados moi positivos. Desde o 2022, a iniciativa logrou tecer unha rede de apoio para persoas con problemas de saúde mental nas contornas rurais. O éxito do proxecto reside tamén na intensidade do seguimento: xa se realizaron máis de 200 intervencións individuais, fundamentais para garantir unha atención personalizada e próxima.
En Senda pola Saúde Mental definimos un plan individual de intervención para cada persoa usuaria, cun diagnóstico e análise das súas necesidades. O apoio emocional individualizado é un dos eixos do programa. Procuramos que as persoas participantes coñezan e entendan a enfermidade, sigan o tratamento e pautas médicas e acompañámolas en momentos de crise. Ademais, participan en formacións que lles brindan ferramentas para a xestión da economía doméstica, igualdade, autoestima e autocoidados.
Por outra banda, realizamos sesións de apoio e acompañamento familiar, orientadas tanto ás persoas que contan con apoio directo como ás que non o teñen, colaborando en todo momento coa súa rede de apoio. En Saúde Mental FEAFES Galicia, somos conscientes de que moitas das persoas coas que traballamos viven soas e non teñen familiares nin rede de contacto, polo que poden sentir unha soidade non desexada. Grazas as intervencións do noso equipo técnico, tratamos de garantir a inclusión comunitaria das persoas participantes. E procuramos que coñezan os recursos que teñen próximos, que establezan redes na súa contorna e que pouco a pouco vaian sentíndose parte importante da comunidade.
Así mesmo, segue en funcionamento o grupo autoxestionado. Esta iniciativa está a ter un impacto moi positivo nas persoas usuarias, xa que crea un espazo seguro onde poden ampliar e reforzar a súa rede, conversar con outras persoas que viven situacións similares e contar co apoio dunha figura profesional que as guía e asesora.
Traballamos na propia contorna da persoa
Senda pola saúde mental, subliña a importancia de ter acceso aos recursos de saúde mental nas zonas rurais. “Unha das diferenzas deste proxecto é a súa deslocalización, achegando os apoios ás persoas no seu propio contexto”, sinala Eva Varela, técnica do programa. Actuar no contexto da persoa, achegar os apoios e recursos á súa contorna permite coñecer mellor as súas necesidades e condicións de vida.

“No rural atopamos a moita xente que vive en situación de soidade. Por iso é importante sumar esforzos para ofrecer unha atención máis completa, próxima e adaptada as necesidades das persoas. ”- Eva Varela, técnica do proxecto.
Outro dos piares do proxecto é a coordinación coas administracións locais, as unidades de saúde mental, as traballadoras sociais, os centros de saúde e outros recursos da comunidade. “É vital o traballo en rede e a creación de vínculos entre os diferentes recursos do territorio”, afirma Eva, e continúa: “Non se trata só de coordinarnos a nivel técnico, senón de sumar esforzos para ofrecer unha atención máis completa, próxima e adaptada ás necesidades das persoas”.
Coa colaboración de:
![]()

