En Saúde Mental FEAFES Galicia favorecemos que, cada ano, máis de 1000 persoas con problemas de saúde mental logren acceder a un posto de traballo a través do noso servizo de Orientación Laboral.
Saúde Mental FEAFES Galicia leva máis de vinte anos desenvolvendo o servizo de Orientación Laboral como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Este servizo, pioneiro a nivel nacional e que ofrecemos grazas ao apoio da Xunta de Galicia e que está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, está especializado en favorecer a inserción laboral das persoas demandantes de emprego que teñen algún problema de saúde mental.
Un apoio personalizado e de proximidade
Este servizo vai moito máis alá de acompañar na busca de emprego. “O meu traballo non consiste soamente en asesorar e guiar ás persoas para que poidan atopar un emprego”, explícanos Iria Cela, orientadora laboral na delegación santiaguesa de Saúde Mental FEAFES Galicia. E continúa: “O que buscamos é un desenvolvemento integral e personalizado para cada participante.” Así, analizamos as capacidades, intereses, necesidades e obxectivos de cada persoa e deseñamos conxuntamente un itinerario personalizado que lle permita avanzar cara á inclusión sociolaboral.
Entendemos que a empregabilidade non depende unicamente da formación ou da experiencia profesional. Factores persoais, sociais, económicos ou relacionados coa propia saúde tamén poden influír no acceso ao emprego. Por iso traballamos de forma coordinada co resto dos servizos da entidade, ofrecendo unha atención integral que permita responder ás diferentes necesidades de cada persoa.
Dentro da nosa labor, procuramos achegar os recursos a quen o precisa. Por iso, tamén nos desprazamos á propia contorna das persoas. “É fundamental”, explícanos Iria, e continúa: “A dispersión xeográfica da nosa comunidade e a mala combinación do transporte fai que para moitas persoas usuarias sexa difícil desprazarse.”
Así, achegámonos ás zonas rurais ou afastadas dos núcleos urbanos, contando coa colaboración de concellos, oficinas de emprego e outras entidades que nos facilitan espazos onde atender ás persoas usuarias. En Pontevedra, achegámonos a Baiona, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Cangas do Morrazo, A Guarda e Vilagarcía. Na provincia da Coruña, desprazámonos a Carballo, Cee, Ordes, Dodro, Ribeira e Noia. E en Lugo, acudimos a Monforte, Sarria, Burela, Vilaba e Viveiro, entre outras. Esta rede de colaboración permítenos impedir que o lugar de residencia se converta nunha barreira máis.
A barreira máis grande: o estigma
As persoas que acoden ao noso servizo de Orientación Laboral son persoas con problemas de saúde mental que están desempregadas ou que buscan mellorar a súa situación laboral. “Os perfís que atendemos son moi variados”, comenta Iria, “en moitos casos, están nunha situación moi vulnerable e non teñen moita formación nin experiencia laboral. Pero tamén están chegado persoas que teñen unha ampla traxectoria laboral, que atravesaron un problema de saúde mental e que agora precisan un apoio para a súa reincorporación laboral.”
Tamén indica que nos últimos anos cada vez se achegan ao servizo máis persoas novas. Mozos e mozas que teñen o seu primeiro contacto coa rede de saúde mental ou que proceden dos servizos de Saúde Mental Infanto-Xuvenil.
En calquera caso, Iria observa que todas estas persoas se enfrontan a unha serie de obstáculos á hora de buscar un emprego. Pero tal e como Iria indica “a dificultade non está na capacidade da persoa. O que máis pesa é o estigma”. Explícanos que os prexuízos asociados ás enfermidades mentais fan que teñan menos oportunidades que o resto das persoas e, ademais, mina a súa autoestima e fai que dubiden das súas capacidades.
As interrupcións na traxectoria formativa ou laboral por mor da enfermidade, a falta de experiencia profesional, un baixo nivel de cualificación ou as dificultades para acceder a formación e recursos; son outras das dificultades que enfrontan estas persoas. No caso das mulleres, ademais, a estes factores súmanse as barreiras relacionadas co xénero. Motivo polo que incorporamos a perspectiva de xénero a todas as accións que desenvolvemos durante o noso acompañamento. E no caso das persoas migrantes, poden afrontar dificultades relacionadas coa situación administrativa, o recoñecemento da súa formación ou experiencia, as barreiras lingüísticas ou a falta dunha rede de apoio.
Integración e normalización a través do emprego
O traballo é un elemento de gran valor social que vertebra a vida das persoas: “Ter un emprego aporta independencia, autonomía e rutina, tres obxectivos clave que calquera persoa precisa para poder estruturar a súa vida”, comenta Iria.
Asegura que, o feito de ser un servizo especializado, permite ofrecer unha resposta adaptada as necesidades específicas das persoas con problemas de saúde mental: “adaptamos os ritmos de busca e os obxectivos laborais á realidade da persoa”, explica. O acompañamento individualizado, a coordinación cos recursos de saúde e sociais, o traballo coas empresas e o seguimento durante a incorporación ao emprego marcan unha diferenza importante respecto a unha orientación máis xeral.
Para as empresas, pola súa banda, tamén existen múltiples beneficios á hora de contratar persoas con problemas de saúde mental. Melloran a súa imaxe social e corporativa e avanzan cara contornas laborais máis diversas e inclusivas. Ademais, as empresas que colaboran con nós, valoran moito a implicación das nosas usuarias e usuarios: “Son persoas cun alto nivel de compromiso e motivación no traballo”, explica Iria.
A nosa experiencia demostra que, cando as persoas contan cos apoios adecuados e as empresas reciben información, asesoramento e acompañamento, as oportunidades de inserción laboral aumentan. No ano 2025 realizáronse 4.141 citas de atención en toda a comunidade autónoma, o que amosa a necesidade deste recurso e o seu impacto no apoio ás persoas con problemas de saúde mental na súa incorporación ou retorno ao mercado laboral.
Finalmente, queremos agradecer á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración o seu apoio e compromiso coa continuidade deste servizo, permitindo manter os 12 postos de orientación laboral que Saúde Mental FEAFES Galicia ten nas localidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra.
—
Se tes un problema de saúde mental e precisa asesoramento para a busca de emprego, podémoste axudar! Ponte en contacto coa nosa delegación máis próxima a ti. Consulta os teléfonos e enderezos na nosa páxina de contacto.
—
Coa colaboración de:

