Sete entidades galegas de acción social veñen de renovar o convenio que lles permite seguir desenvolvendo o programa Incorpora durante un ano máis. Incorpora é unha iniciativa de Obra Social “la Caixa” para favorecer a integración laboral das persoas con dificultades de acceso ao traballo.
En virtude da alianza renovada esta semana, o Grupo Incorpora Galicia seguirá estando composta pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia); a Fundación Érguete-Integración; a Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES); a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI); Cruz Vermella de Ourense e Lugo; e mais Igaxes3, entidade coordinadora do grupo.
Mediante convenios con empresas e asociacións empresariais, o programa Incorpora facilita o acceso á formación e ao traballo daquelas persoas en risco de exclusión coas que traballan as organizacións integrantes. Os técnicos de inserción laboral ocúpanse de identificar potenciais empresas contratantes, así como de facer un seguimento da formación e un acompañamento laboral de cada persoa beneficiaria.
Pola súa banda, grazas a Incorpora, o empresariado ten a oportunidade de desenvolver accións de responsabilidade social corporativa. Cada empresario ou empresaria pode contar con candidatos que recibiron unha formación adaptada ás necesidades da súa empresa, e atopar no técnico de inserción e no prospector laboral figuras de apoio e asesoramento permanente que velaran polo bo desenvolvemento da relación laboral.
Máis de 1.200 insercións desde 2006
A iniciativa quere contribuír á sensibilización social e á creación de oportunidades de traballo para persoas con dificultades de inserción: persoas con discapacidades físicas, intelectuais ou sensoriais; persoas con enfermidades mentais; mozos con dificultades para acceder ao seu primeiro traballo; maiores de 45 anos sen experiencia laboral; persoas inmigrantes; desempregados de longa duración; persoas reclusas e ex reclusas; e mulleres que sufriron violencia de xénero.
Sete anos despois da súa posta en marcha, o grupo Incorpora Galicia promoveu a inserción laboral de 1.275 persoas con dificultades especiais para atopar traballo, grazas á vinculación de 874 empresas galegas. Durante a primeira metade de 2013, adheríronse ao programa 125 novas empresas e lográronse 185 insercións laborais.