Skip to main content
No 2015, as entidades membro de EAPN Galicia, entre as que se atopa Saúde Mental FEAFES Galicia, aprobamos por unanimidade o Código de conduta e boas prácticas na comunicación da pobreza e a exclusión social, comprometéndonos a «fomentar un discurso responsable e xusto, afastado de estereotipos e mecanismos que produzan ou manteñan as situacións de discriminación».
Sen sabelo, este decálogo foi o primeiro esforzo por xerar un discurso de narrativas alternativas e en positivo, afastarse do asistencialismo, a culpabilización e a estigmatización das persoas en situación de pobreza ou exclusión social.
Dous anos despois, as propias persoas afectadas, participantes no Seminario “Participando contra os prexuízos e #MentirasPobreza” denunciaron nun Muro das Mentiras a pandemia de odio que xa estaban a sufrir.
O primeiro lugar onde se mostrou o Muro das Mentiras e o Muro da Inclusión foi no Parlamento de Galicia. No 2017, e reiterado no 2020, aprobouse por unanimidade a Declaración institucional contra o odio e a intolerancia ás persoas en pobreza ou exclusión.

Unha sociedade civil mobilizada contra o odio

En paralelo a un abafador e artificial crecemento do discurso de odio nas redes sociais e parlamentos, nos últimos anos están a xurdir multitude de iniciativas impulsadas por persoas e organizacións para xerar narrativas alternativas e poñer en valor a tolerancia e a xustiza social.
É un feito o avance na loita contra a aporofobia e o discurso do odio desde as múltiples iniciativas de comunicación das organizacións do Terceiro Sector membro de EAPN, coordinando desde Galicia campañas estatais como #ContrAporofobia ou #RentaMínimaSí: pon os teus prexuízos en corentena, ou en xornadas de formación sobre “Como loitar contra a aporofobia, o odio e a desinformación desde as Administracións Públicas e ONG”.
A recentemente aprobada Lei de Protección Integral contra a Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia, inclúe unha disposición adicional pola cal a aporofobia será perseguida como delito de odio. Unha demanda atendida e que permite que o termo “aporofobia” non só se atope nas academias da lingua senón tamén no Código Penal.
Froito deste traballo, somos conscientes da multitude de iniciativas e proxectos postos en marcha en Galicia e queremos contribuír a darlles visibilidade e poñelos en común.

I Cumio Galego contra o Odio; inscríbete!

Esta xornada pretende servir como primeiro encontro entre multitude de iniciativas galegas para loitar contra o discurso do odio, xerar narrativas alternativas e poñer en valor a tolerancia, así como traballar conxuntamente ao redor da adaptación da Guía de Estilo para comunicadoras sobre aporofobia e discurso do odio: Comunicar sen discriminar.

Estamos a buscar iniciativas!

Se ti ou a túa organización contades con algunha iniciativa destas características, queremos coñecela! Podes cubrir a seguinte ficha e facela chegar a info@eapn-galicia.com. Estaremos encantadas de saber de vós e poñernos en contacto! Por suposto, podes compartir e difundir esta noticia para que chegue á maior cantidade de persoas.

Programa provisional

09.30 – 09.45 Presentación
09.45 – 10.30 Camiños contra o odio
      O camiño legal: a aporofobia como delito de odio, con Eva Serrano (Fiscalía Xeral do Estado)
      O camiño das novas narrativas, con Natalia Monxe (Ecos do Sur e CibeRespect)
      O camiño do activismo e as accións en redes sociais, con Ánxela Iglesias (LaIntersección.net)
10.30 – 10.45 Guía sobre aporofobia e discurso do odio
11.00 – 12.00 Iniciativas contra o odio en Galicia
      Proxecto Dixitais: Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática (UVigo)
      Cambia o Conto: Contra o discurso de odio (Agareso)
      Participación das familias migrantes na escola (Accem)
      Proxecto CibeRespect (Ecos do Sur)
      Máis proximamente…
12.00 – 12.30 Coloquio