A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, e con ela Saúde Mental FEAFES Galicia, súmase á celebración da primeira Semana Europea da Saúde Mental, impulsada por Mental Health Europe (MHE) entre o 4 e o 10 de maio, cuxo obxectivo é destacar a importancia da saúde mental e o seu coidado, tanto durante estes momentos de crise provocados pola COVID-19 e nos que a saúde mental da poboación está a verse afectada, como nas etapas que veñan despois.
Claudia Marinetti, directora de Mental Health Europe, explica que en momentos de gran tensión é “importante buscar e recibir apoio da comunidade que nos rodea, xa que xoga un papel fundamental na calidade da nosa saúde mental. Estamos a atravesar a crise sanitaria máis grave na historia recente de Europa, o que terá un impacto directo sobre o noso benestar mental”.
Por este motivo, e baixo o lema “Xuntos podemos superar esta crise”, a organización europea lanza unha campaña, en redes sociais e medios de comunicación, para promover o sentido de comunidade, a solidariedade e a esperanza como alicerces para unha boa saúde mental.
“A Semana Europea da Saúde Mental”, subliña Marinetti, “pon o foco en que agora é o momento para que todas as persoas prestemos atención á saúde mental. Estamos a pasar xuntas por isto, e entre todas podemos axudar á saúde mental das demais persoas. O noso obxectivo é converter esta semana de Concienciación nunha celebración anual de sensibilización e acción en toda Europa”, conclúe a directora de Mental Health Europe.
Respecto diso, Nel González Zapico, presidente da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, entidade membro de MHE, valora a posta en marcha de iniciativas destas características que “nos permiten unir forzas e traballar nunha mesma dirección ás organizacións de toda Europa, en favor dunha maior conciencia social sobre a importancia da saúde mental, así como da necesidade de investir en recursos para ofrecer os apoios e as axudas necesarias”.