A miúdo, atopámonos con problemas ocasionados por unha alimentación desequilibrada, a falta de actividade física ou o sedentarismo. Por iso, Apem Carballo considerou importante ensinar aos seus usuarios as pautas para unha dieta saneada que non ten por que ser restritiva nin aburrida, pois sen eliminar ningún alimento, podemos combinalos de forma correcta e saudable.
No taller de hábitos saudables que impartiu Apem, os usuarios aprenderon unha serie de prácticas necesarias para comer e beber de forma autónoma, tendo ao mesmo tempo independencia para planificar, comprar, conservar e preparar os alimentos. Ademais, os participantes no taller recibiron tamén algúns consellos de cociña útiles.
Igualmente, na sesión elaborouse unha táboa de comida semanal cunha alimentación real. Realizouse tamén outra táboa co exercicio físico que practican, e por último, a terapeuta pediulle a cada usuario que elaborase unha última táboa cos alimentos que máis lles gustan para facer unha comparación con aqueles que lles resultan máis saudables.
Por outra banda, os participantes deste obradoiro experimentaron as emocións a través do seu corpo, as cales gardan relación coa súa saúde e benestar. Hai que ter en conta que a OMS define a saúde mental como “un estado completo de benestar físico, mental e social” e non soamente como a ausencia de enfermidade. De aí que a promoción da saúde mental inclúa accións que promovan estilos de vida saudables para todas as persoas.