Skip to main content

O convenio de Colaboración entre Saúde Mental, a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, permitiu levar a cabo os programas “Tecendo Saúde Mental” e “Senda pola saúde mental”

Unha das nosas misións segue a ser a de achegar os recursos e os apoios as persoas con problemas de saúde mental na súa propia contorna. Pero, debido as características da xeografía galega, isto non sempre é doado.

Por iso se levan a cabo os programas Tecendo Saúde Mental e Senda pola saúde mental, que ofrecen atención integral ás persoas con problemas de saúde mental e as súas familias desde un enfoque comunitario e de proximidade. Ambos programas están financiados en virtude do convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e Saúde Mental FEAFES Galicia.

Senda pola saúde mental

O programa Senda pola saúde mental

desenvolveuse no rural de Ourense. En concreto na comarca da Baixa Limia, Celanova e Valdeorras. E fíxose en coordinación coas unidades de saúde mental e cos recursos comunitarios dos concellos participantes.

Con esta iniciativa conseguimos achegar apoio social e sanitario a 20 persoas (14 mulleres e 6 homes) con problemas de saúde mental. Ofrecémoslles apoio e acompañamento social, familiar e persoal, establecemos un plan de traballo personalizado e enfocado en mellorar a súa calidade de vida, fixemos sesións formativas e de capacitación e acompañámolos nas actividades da vida diaria para favorecer a súa inclusión comunitaria.

 

Tecendo Saúde Mental

O programa Tecendo Saúde Mental desenvólvese en toda Galicia e conta con 3 actuacións direfenciadas.

O acompañamento terapéutico, que permite abordar as necesidades de 80 persoas (44 mulleres e 36 homes) con problemas de saúde mental, de forma personalizada. Para iso, definimos un plan de intervención individual, flexible e adaptado á persoa. Así podemos atender as necesidades específicas individuais de cada persoas, favorecendo a súa autonomía e calidade de vida.

O programa ofreceu asesoramento a 800 persoas. Ademais, realizáronse 320 accións de acompañamento nas actividades diarias, e ofreceuse apoio psicolóxico individualizado e asesoramento xurídico gratuíto.

Outra das actuacións levadas a cabo dentro deste programa foi a mediación familiar. O obxectivo foi dar apoio e soporte a 60 familiares ou persoas de referencia das persoas afectadas por un problema de saúde mental, ofrecéndolles información sobre servizos e recursos, asesoramento xurídico, ferramentas para manexar situacións de crise, acompañamento nos primeiros episodios, apoio psicolóxico, formación e grupos de axuda mutua e apoio emocional.

Por outra banda, a actuación en igualdade e maternidade saudable dirixiuse a 50 mulleres cun diagnóstico de saúde mental. O obxectivo era mellorar a súa calidade de vida a través de intervencións individuais e colectivas. Tamén realizabamos un seguimento e apoio a mulleres embarazadas ou con menores ó cargo para axudarlles a adaptarse á nova situación de maternidade e/ou darlles ferramentas para un estilo apropiado de crianza.