Skip to main content

En Pontes de Inclusión traballamos con persoas con trastorno mental que están xudicializadas ou son de procedencia estranxeira.  

A exclusión social é un fenómeno multidimensional que afecta a diversas poboacións en risco. Isto vese acentuado nas persoas con problemas de saúde mental e, especialmente nas persoas que están ademais sometidas a medidas penais e son estranxeiras.

Para afrontar esta realidade, as asociacións Lenda e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; puxeron en marcha o programa “Pontes de Inclusión”. Buscan facilitar a inclusión e o acceso aos servizos de saúde e emprego destas persoas así como para loitar contra o estigma social e a discriminación.

Este programa, que realizan conxuntamente con Saúde Mental FEAFES Galicia, é  unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

 

Queremos derrubar barreiras e eliminar o estigma

A través desta iniciativa, traballamos en Redondela, Narón, Pontevedra e Santiago. No programa buscamos avaliar os obstáculos que atopan estas persoas para acceder aos servizos comunitarios e desenvolver estratexias para eliminalos.

O noso obxectivo é acompañar e orientar ás persoas nos seus procesos de inclusión social. Para iso, abordamos as necesidades específicas de cada participante e ofrecémoslle apoio psicosocial. Ademais, buscamos a súa integración na comunidade a través de intervencións cultural e comunitariamente sensibles.

No programa “Pontes de Inclusión” , desenvolvemos tres liñas de acción. A primeira orientada ao acompañamento social e persoal, na que deseñamos unha intervención personalizada e adaptada a realidade de cada participante. A segunda liña vai orientada aos e ás profesionais e axentes vencellados ao proceso destas persoas. Ofrecémoslles información aos distintos axentes sociais das administracións que traballan coas persoas usuarias do noso programa.

Por último, a terceira liña consiste en establecer un traballo en rede cos diferentes entidades sociais dos concellos, Centros de Integración Social, comisións de Coordinación do Servizo de Psiquiatría das áreas sanitarias, institucións públicas implicadas e outras entidades comunitarias. A través de reunións de coordinación, buscamos favorecer o traballo conxunto e facilitar a derivación das persoas que o precisen aos diferentes recursos existentes.

“Pontes de Inclusión” pretende así ser unha vía para a inclusión das persoas cun problema de saúde mental que estean xudicializadas ou sexan de procedencia estranxeira, para que poidan ser parte da comunidade e mellorar a súa calidade de vida.

O programa “Pontes de Inclusión”  é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.