Skip to main content
Susana, usuaria de Saúde Mental FEAFES Galicia, participou o ano pasado no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, onde coñeceu a outras mulleres que se atopaban nunha situación semellante á súa e aprendeu a convivir co seu problema de saúde mental. Este ano, visitou ás participantes da nova edición do programa para contarlles a súa experiencia e os coñecementos adquiridos:
“A través do programa aprendín moitas cousas coa psicóloga, que nos explicou dende os síntomas das nosas enfermidades ata como desenvolvernos mellor con eles no noso día a día. Integrámonos moi ben entre as mulleres do grupo e compartimos moitas vivencias; foi moi enriquecedor”, asegura Susana. 
Os obradoiros de autoestima e autocoidado do Programa de Atención Integral a Mulleres, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, teñen como obxectivo que as participantes afonden no concepto que teñen de si mesmas. Deste xeito, indáganse os condicionantes que inflúen na súa autoestima e ofréceselles estratexias para mellorala, sempre desde un clima de aceptación, confianza, seguridade e reforzo.
Esta muller residente en Vigo pensaba que o seu era un caso illado porque non coñecía a ninguén na mesma situación de saúde. “Ao compartir e coñecer novos casos, dinme conta de que non era a única á que lle pasaban estas cousas, pois antes tiña moi pouca información. Agora síntome máis integrada e normalicei todo moito máis”. Por iso, opina que a psicoeducación é moi importante porque permite entender as casuísticas de cada quen e tomar control sobre a propia condición de saúde. 
Na súa visita ás novas compañeiras do Programa de Atención Integral a Mulleres, Susana contou como viviu o impacto da pandemia e como afectou ao desenvolvemento do programa: “Foi agridoce. As reunións estaban ben, aprendemos a usar ferramentas telemáticas e a interaccionar a través de novas canles, pero botei en falta o contacto. Aínda que se conseguiu un trato moi humano, percibiuse doutro xeito” comenta.
Ademais, Susana viviu, como tanta outra xente, moito nerviosismo e preocupación durante o confinamento: “Ao principio tiven unha difícil xestión das emocións, xa que tiña á familia lonxe e estaba moi preocupada por ela. Estar no programa de Atención Integral a Mulleres permitiume manter o contacto coas compañeiras, ter unha ocupación durante o confinamento e, ao mesmo tempo, desconectar da situación”, asegura. Ademais, a psicóloga de Saúde Mental FEAFES Galicia facilitoulle pautas para sobrelevar o nerviosismo e propúxolle actividades semanais que a mantiveron ocupada.
Respecto á súa situación actual, Susana asegura que se atopa “máis optimista, enérxica, cómoda comigo mesma e coa miña situación de saúde”. Recoñece que unha das súas principais aprendizaxes foi darlle valor ao autocoidado: “hai que mimarse, respectarse e reservar momentos para estar con unha mesma. E coidarse tamén no sentido de permitirse ser como unha é”, suxire.
No eido formativo, Susana está realizando un certificado de profesionalidade, co que está aprendendo a vencer pouco a pouco os seus medos: “Estou moi animada con poder asistir ás clases con regularidade e síntome máis realizada facendo algo práctico que me pode servir para mellorar o meu perfil profesional”, comenta.
Na xuntanza coas novas compañeiras do Programa de Atención Integral a Mulleres, non deixou pasar a oportunidade de insistir nunha idea clave: “Ter unha relación sa contigo mesma e cos demais é crucial”. Susana opina que é fundamental incidir nas relacións e no bo trato, pois ao ter un problema de saúde mental é fácil quererse menos, deixarse coidar polos demais ou, pola contra, considerar que unha pode con todo. “É fundamental ser unha mesma, aínda que pode haber momentos nos que non sexas ti mesma de todo, pero iso tamén é unha parte de ti”, conclúe.